Concello de Narón
Novas
MÁIS DE MEDIO MILLEIRO DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO XV TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIDADE DE NARÓN E CAMPIONATO GALEGO DE LATINOS
As probas desenvolveranse o 10 de abril no pavillón polideportivo da Gándara en horario de maña e tarde
Narón, 8 de abril de 2016. O Club de Baile Deportivo Narón organiza a décimo quinta edición do Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón e o Campionato Galego de Latinos que o 10 de abril terá lugar no pavillón polideportivo da Gándara, entre as dez da mañá e as dez da noite. A primeira tenente de alcalde de Narón e concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, e Sandra García, en representación do citado clube, presentaron o evento, que conta coa colaboración do Concello de Narón, a través dos Padroados de Deportes e Cultura e da Concellería de Mocidade. A convocatoria reunirá este ano a un total de 518 participantes das modalidades de Danza coreográfica e Baile deportivo procedentes de diferentes localidades españolas e moitos deles do propio municipio naronés, tal e como indicou Román Romero. Sandra García explicou que as modalidades deste evento serán a de ritmos caribeños, danza coreográfica, standard e latinos e indicou que se trata “da competición máis numerosa de Galicia nesta tempada”. Así mesmo, en alusión ao Club Baile Deportivo Narón, destacou a calidade dos seus integrantes e avanzou que as parellas que participan na competición “aspiran a consolidar os bos resultados do último campionato de Latinos, no que obtiveron un gran éxito”. Os cuartos de final do Campionato Galego de Latinos nas modalidades Junior I, Junior II e Adultos serán a partir das 13.30 horas; as semifinais de Junior I, Junior II, Adulto I e Senior II comezarán ás 15.00 e as finais de Xuvenil I e II; Junior I e II, Senior I, II, III e IV; Adulto I e II e Youth a partir das 17.25 horas. O concelleiro de Deportes subliñou que “é un orgullo poder organizar e celebrar un evento deportivo destas características no concello de Narón” e destacou a calidade e cantidade de persoas que participarán na convocatoria. A edil de Cultura, Marián Ferreiro, recordou que “a día de hoxe, Narón é todo un referente a nivel estatal neste tipo de competicións” e destacou o traballo que nesta área se realiza desde o Concello. O prezo das entradas é de seis euros para os maiores de catorce anos e de tres euros para o resto de asistentes. Poden adquirirse na taquilla do pavillón polideportivo da Gándara, en cuxas inmediacións haberá unha carpa con algúns establecementos onde se poderá comer. Os resultados das diferentes categorías poderán consultarse na páxina: www.bailegalicia.net, onde se ofrece información sobre este evento deportivo.
www.naron.es