Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 200 PERSONAS INSCRIBÍRONSE NA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" QUE TERÁ LUGAR O DÍA 24 DE ABRIL
Os participantes nesta convocatoria realizarán un percorrido duns dezaseis quilómetros "Polos camiños milenarios do Val"
Narón, 22 de abril de 2016. Un total de 220 persoas inscribíronse nas últimas semanas na nova andaina do programa “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Concello de Narón, a través da área de Deportes, e a empresa Arasti Barca. “Polos camiños milenarios do Val” é o título desta nova ruta, duns dezaseis quilómetros e que terá lugar este domingo, día 24. Os participantes percorrerán diferentes lugares da parroquia naronesa do Val e deberán estar o domingo ás 9.15 horas no pavillón polideportivo da Gándara, tal e como recordan desde a organización. Nun momento do tramo realizarán, como é habitual, unha parada para un avituallamento. Os organizadores anuncian un cambio de data para a seguinte convocatoria debido a motivos organizativos. A andaina “Coñecemos Narón” será o domingo 29 de maio, e non o 22 do citado mes, tal e como estaba previsto inicialmente. As persoas interesadas en anotarse á próxima camiñata poderán facelo a partir do vindeiro 2 de maio, en horario de 9.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 de luns a xoves ou os venres de 9.00 a 13.00 horas. Terán que abonar unha cuota de tres euros, coa que se pagará o desprazamento en autobús ata o punto de inicio e de regreso ao pavillón polideportivo da Gándara. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
www.naron.es