Concello de Narón
Novas
A QUINTA EDICIÓN DE "MR.& MS. ESPAÑA IBFA 2016" CELEBRARASE NO AUDITORIO MUNICIPAL
O certame de Culturismo e Fitness desenvolverase o 7 de maio a partir das 17.00 horas
Narón, 4 de maio de 2016. A quinta edición de “Mr. & Ms. España IBFA 2016” celebrarase o sábado día 7 de maio nas instalacións do auditorio municipal de Narón, na praza de Galicia. É o primeiro ano que se realiza en Galicia un campionato de España de Culturismo e Fitness, tal e como anunciaron hoxe o concelleiro de Deportes, Román Romero, e Luis Pernas, presidente nacional de IBFA. O campionato, no que colabora o Concello de Narón, comezará ás 17.00 horas, aínda que as pesaxes dos participantes se realizarán de 10.30 a 12.30 horas no Revolution Fitness Center de Narón. O prezo das entradas é de dez euros. Está confirmada a participación de máis de sesenta persoas procedentes de diferentes puntos de España. As persoas que desexen anotarse están a tempo de facelo ata o mesmo día do campionato, debendo poñerse en contacto coa organización a través do número de teléfono 634 555 035, onde tamén se lles facilitará a información que estimen oportuna sobre este evento. Haberá un total de quince categorías diferentes –non todas musculadas-, tal e como avanzou Pernas, que indicou que se desenvolverán probas en bikini e vestido de noite para as mulleres, entre outras, e que haberá un minuto de poses libres para todos os participantes. O prezo da inscrición é de 25 euros, unha cantidade que se destinará á IBFA Internacional. Neste campionato, que terá unha duración dunhas tres horas, concederanse os pases para Míster e Miss Universo IBFA, que terá lugar en Sapri (Italia) este veán. A maiores dos premios absolutos haberá outros para os tres primeiros clasificados en todas as categorías e unha medalla para os participantes. O xurado estará composto por seis persoas, tal e como apuntou Pernas, profesional que leva 21 anos entrenando e 16 competindo ao máis alto nivel (Mr. Universo Absoluto; campión do mundo e cinco veces campión de España de Culturismo). O edil de Deportes naronés e a organización animaron aos profesionais do culturismo e do fitness da comarca e doutras localidades españolas a participar neste evento, e aos afecionados a desprazarse o sábado ata o auditorio de Narón para presenciar a convocatoria.
www.naron.es