Concello de Narón
Novas
O BALONMÁN NARÓN E O CIRCUÍTOS GALICIA DISPUTARÁN ESTA FIN DE SEMANA A COPA FEDERACIÓN DE BALONMÁN
O evento deportivo, cuxa entrada é de balde, comezará ás 19.00 horas no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 4 de maio de 2016. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este sábado, día 7, a final da Copa Federación de Balonmán e 2ª autonómica masculina. Os equipos Balonmán Narón e Circuítos Galicia (Meaño, Pontevedra) disputarán esta proba, a partir das sete da tarde. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou este evento acompañado polo presidente e a vicepresidenta do Club Balonmán Narón, José Oreona e Laura Barrio, respectivamente. O edil felicitou aos representantes do clube naronés polo seu recente ascenso a primeira división do equipo, que foi o pasado ano subcampeón da Copa Federación e por ser segundos na Liga. Romero animou á veciñanza a acudir a este partido –a entrada é de balde- para animar “ao equipo da casa”, ao que desexou sorte para conseguir un novo trofeo. A entrada ás instalacións deportivas nas que se disputará a convocatoria será de balde, tal e como apuntou o concelleiro naronés. O clube confía nas posibilidades de gañar o sábado a Copa Federación de Balonmán e destacou tamén o traballo realizado polo equipo de cadetes e senior, polos bos resultados acadados e o ascenso á División de Honra, no primero caso, e por ser o máximo goleador de Liga no referente aos senior. O presidente do clube naronés agradeceu o respaldo prestado á entidade deportiva polo Concello de Narón, unha das administracións que patrocinan esta proba.
www.naron.es