Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 170 PERSOAS INSCRIBÍRONSE NA "II BTT CIDADE DE NARÓN"
Os participantes percorrerán o 8 de maio en bicicleta un traxecto duns corenta e cinco quilómetros polo termo municipal naronés
Narón, 4 de maio de 2016. A segunda edición da BTT Cidade de Narón desenvolverase este domingo, día 8, no termo municipal de Narón. O edil de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por representantes dos clubes organizadores: a agrupación deportiva Vara e Pedal; Beni Gym Sport e MTB Eskornabois, que contaron coa colaboración do Concello de Narón, ao que agradeceron o seu respaldo. Na actualidade hai 170 persoas inscritas neste evento deportivo –o límite é de 250 prazas-, se ben os que o desexen poden facelo ata mañá –incluído- a través da páxina web: www.championchipnorte.com. O prezo é de 8 euros para os federados e 23 para o resto, tal e como recordaron os organizadores. Os participantes sairán das inmediacións do Centro Comercial Odeón ás 9.00 horas e tras realizar un percorrido duns 45 quilómetros e facer dúas paradas para o avituallamento, chegarán ao pavillón polideportivo da Gándara. O mosteiro do Couto, tramos dos Camiños de Santiago e San Andrés ao seu paso por Narón e o cenobio das Aceñas son parte das zonas polas que discorrerá esta ruta en BTT. Á súa chegada os participantes poderán degustar uns pinchos e callos por cortesía da organización. A entrega de dorsais realizarase o sábado día 7, no interior das instalacións do Centro Comercial Odeón, entre as 11.00 e as 20.00 horas. Poden participar nesta convocatoria persoas maiores de 16 anos. O concelleiro de Deportes animou a participar neste evento a todos os veciños e veciñas de Narón e comarca afecionados a este deporte, moitos deles da localidade, tal e como recordou.
www.naron.es