Concello de Narón
Novas
O "XXIII TORNEO DE BALONMÁN CIDADE DE NARÓN" DISPUTARASE O 28 DE MAIO NO POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA
O Club Balonmán Narón organiza co Concello esta cita deportiva, na que participarán outros cinco clubes
Narón, 25 de maio de 2016. A vixésimo terceira edición do Torneo de Balonmán Cidade de Narón terá lugar este sábado, 28 de maio, no Complexo Polideportivo Municipal da Gándara. Os partidos das diferentes categorías disputaranse en horario de mañá e tarde, tal e como avanzou Román Romero, edil de Deportes de Narón. O Concello colabora neste evento, organizado polo Club Balonmán Narón, cuxos presidente e segundo adestrador, José Oreona e Víctor Seijo, respectivamente, presentaron hoxe o acto con Román Romero. Participarán na convocatoria, ademais do Club Balonmán Narón, os clubes Ártabro, Pontedeume, Xallas, Culleredo e Lucus. O concelleiro de Deportes animou á veciñanza a desprazarse ese día ao polideportivo da Gándara –a entrada ao evento é de balde- para animar ao clube local, ao que desexou “o maior dos éxitos neste torneo que se celebrará no municipio e tamén nos partidos que xogan fóra da casa”. Entre as 10.30 e as 14.00 horas terán lugar os partidos correspondentes ás categorías Alevín, Infantil feminimo e Infantil masculino, e desde as 16.00 ata as 21.00 os de Cadete masculino, Senior feminino, Senior masculino e Veteráns, tal e como apuntou o edil de Deportes. Pola súa banda, Oreona destacou o feito de que para a cita deportiva deste sábado o clube naronés recuperou ao equipo Senior feminino –que xogaba hai tres anos- e aos Veteráns –xente que estivo no clube durante os últimos vinte e cinco anos-. Así mesmo, agradeceu o respaldo económico que o Concello de Narón presta á citada entidade deportiva e tamén o apoio desde as gradas de edís do goberno local durante algúns dos partidos que disputan os xogadores das diferentes categorías deste clube. O Club Balonmán Narón, do que forman parte na actualidade unhas oitenta persoas, alcanza este 2016 os 25 anos. O edil de Deportes naronés felicitou aos seus representantes polos éxitos obtidos desde os inicios e, en particular, polos últimos, acadados co ascenso a 2ª División autonómica do equipo Senior masculino e do Cadete masculino á División de honra.
www.naron.es