Concello de Narón
Novas
UNHAS 150 PERSOAS PARTICIPARÁN O 29 DE MAIO NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
"Coñecemos Narón" é o lema do percorrido a realizar por diferentes parroquias da localidade e duns vinte quilómetros
Narón, 27 de maio de 2016. Unhas 150 persoas participarán este domingo, día 29, nunha nova andaina –a sétima- do programa “Ponte en Ruta con nós”, organizado polo Concello e a empresa Arasti Barca. “Coñecemos Narón” é o percorrido da xornada, na que os asistentes tratarán de coñecer o maior número de parroquias da localidade posible nun tramo de aproximadamente vinte quilómetros. A saída será do pavillón polideportivo da Gándara, e os camiñantes están nas inmediacións das citadas instalacións deportivas ás 8.45 horas. O programa “Ponte en ruta con nós” inicioouse o pasado mes de novembro. Desde entón, cada convocatoria reuniu a decenas de persoas que se sumaron a este evento deportivo, pensado para gozar do deporte ao aire libre e, ao mesmo tempo, para coñecer máis polo miúdo diferentes puntos do municipio naronés. A participación no programa ten un custe de tres euros, cantidade coa que se sufragan os gastos derivados do transporte en autobús ao punto de inicio da ruta e de regreso unha vez rematado o percorrido. Os camiñantes realizan unha parada para tomar un refrixeiro e reciben un agasallo en recordo da súa participación.
www.naron.es