Concello de Narón
Novas
UN TOTAL DE 107 EQUIPOS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO XXIX RALLYE CIDADE DE NARÓN
O evento, organizado pola Escudería Siroco Narón e no que colabora o Concello, desenvolverase os días 10 e 11 de xuño
Narón, 7 de xuño de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron xunto co presidente da Escudería Siroco Narón, Antonio Sueiras, e o director de carreira, José Ramón Padín, o “XXIX Rallye Cidade de Narón”, que se celebrará no municipio esta fin de semana. Un total de 107 equipos participarán neste evento deportivo os días 10 e 11 de xuño, no que se implicarán a nivel organizativo e de participación –pilotos, copilotos e mecánicos- unhas seiscentas persoas. O edil de Deportes, área patrocinadora deste evento, agradeceu a labor da Escudería Siroco Narón a nivel organizativo e desexou sorte aos participantes neste evento, cita ineludible para os afeccionados ao mundo do automobilismo. Esta edición do Rallye Cidade de Narón consta dun percorrido de case 386 quilómetros, dos que uns 111 corresponden a oito treitos cronometrados por estradas asfaltadas e pechadas ao tráfico. Este ano o Rallye dividirase en catro seccións, realizando dúas pasadas en cada unha delas. A saída será ás 07.30 horas do sábado, día 10, das inmediacións do Centro Comercial Dolce Vita Odeón. O primeiro tramo é o de “Fercapi-Galicia “(Cerdido), de 16,3 quilómetros; o segundo o de “Casal e Pernas”, en Queiroga, de 11,5 quilómetros; e xa pola tarde, o terceiro, de “Talleres Breogán”, de Vilachave (con saída das Somozas) e de 11,2 quilómetros e o último o de “Autos Pasuco”, en Ferreira (con meta en Igrexafeita), de 16,1 quilómetros. Os tramos da tarde son “case iguais que o ano pasado”, indicaron desde a organización, que coincidiron en destacar que o máis complicado será o primeiro da mañá. A baixada no número de inscritos con respecto a edicións anteriores responde, tal e como explicou Padín, ao feito de que “nos últimos 45 días hai cinco rallyes en Galicia e o orzamento non dá para tanto”. “Están practicamente os que teñen que estar, e os dous aspirantes ao campionato galego este ano son Alberto Meira, principal favorito, e Iago Caamaño”, apuntou Padín. Na Copa Pirelli o primeiro clasificado é Adrián Gil, da Escudería Siroco Narón. Entregaranse premios en metálico –dende 1.600 ata 240 euros- e trofeos aos seis primeiros clasificados da xeral (piloto e copiloto) e ao primeiro de cada clase (2 a 18). O presidente da Escudería Siroco Narón explicou que por primeira vez en Galicia farase “refuelling”, habilitando unha zona no parque de traballo para surtir combustible nos vehículos participantes. A iniciativa conta co respaldo da Concellería de Seguridade, a través do Servizo de Prevención e Extinción de Incendios de Narón (Speis), que aconsellou á organización sobre esta proposta de cara a incrementar as medidas de seguridade. “Trataremos de que a maioría reposten alí o combustible que eles mesmos traen a este tipo de probas”, apuntou o director de carreira. O presidente da Escudería destacou a axuda do Concello, incidindo en que sen ela “sería totalmente imposible organizar este rallye” e tamén o apoio prestado polas empresas patrocinadoras. A organización fixo ademais un chamamento para que as persoas que acudan a ver o rallye repecten en todo momento as indicacións da organización porque, subliñan, “o plantexamento xeral é a seguridade”. A esa mesma colaboración cidadá apelaron o alcalde, José Manuel Blanco, e o edil de Deportes, co fin de garantir o correcto desenvolvemento da proba e evitar posibles incidentes. En cada tramo haberá unha UVI móbil e nos curtos, unha ambulancia a maiores e dúas nos largos. As persoas que desexen realizar un seguemento do Rally poden facelo a través da páxina web: www.rallyenaron.org ou da APP para móbiles: Rallye Narón.
www.naron.es