Concello de Narón
Novas
O CONCELLO E O CLUB DE REMO NARÓN PRESENTARON A NOVA TRAIÑEIRA DA ENTIDADE DEPORTIVA
Catorce remeiros do clube local competirán coa embarcación na Liga Galega que comeza o 18 de xuño no Grove, en Pontevedra
Narón, 17 de xuño de 2016. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, asistiron na praza de Galicia ao acto no que se presentou a nova traiñeira do Club de Remo Narón. Acompañados polo presidente do clube, Juan Ignacio Cabana, persoal da directiva e outros integrantes desta entidade deportiva local, amosaron esta embarcación deportiva que estrearán catorce remeiros –no equipo son vinte e un- na primeira regata do ano da Liga Galega, que se desenvolverá o 18 de xuño pola tarde no Grove (Pontevedra). O Consistorio naronés foi unha das administracións que colaborou economicamente para que o Club de Remo Narón puidese mercar esta traiñeira, que é de segunda man (procede dun clube de Santurtzi, en Vizcaia), e que custou 12.000 euros. O concelleiro de Deportes explicou que ata o de agora a entidade deportiva tan só dispoñía de bateis e trainerillas para as categorías infantís, co que a partir deste ano, e coa embarcación adquirida, o equipo senior poderá seguir vencellado ao Club de Remo Narón. Desre xeito evítase que as persoas que alcanzan esta categoría teñan que rematar a súa tempada deportiva no clube naronés ou irse a outros para continuar competindo. Durante os meses de xullo e agosto o equipo competirá durante as fins de semana nas regatas coa nova traiñeira, tal e como indicaron desde o clube. Así mesmo, no transcurso do acto anunciouse a celebración, a finais do próximo mes, da que será a primeira edición da “Bandeira de traiñeiras Cidade de Narón”, evento que coorganizarán o Concello e o Club de Remo Narón. A citada entidade deportiva, con sede na zona do polígono da Gándara, ten un total de 51 licencias este ano, nas categorías que van desde alevín a veterano. Desde o clube agradeceron a colaboración prestada polo Concello naronés e explicaron que “o noso obxectivo é pásalo ben practicando este tipo de deporte”, animando á veciñanza a formar parte desta entidade. O alcalde e o edil de Deportes felicitaron á directiva e aos integrantes das diferentes categorías do clube e desexáronlles moitos éxitos nas competicións nas que participen e, como a máis inmediata, na Liga Galega de Traiñeiras.
www.naron.es