Concello de Narón
Novas
AS SELECCIÓNS NACIONAIS DE ESPAÑA E EXIPTO DE FÚTBOL SALA XOGARÁN EN NARÓN UN PARTIDO PREPARATORIO PARA O MUNDIAL DE COLOMBIA
O Concello de Narón colabora na organización deste evento deportivo, que se desenvolverá o 29 de xullo no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 18 de xullo de 2016. A alcaldesa accidental de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron a xira da selección española de fútbol sala en Ferrolterra acompañados polo responsable da citada selección na Federación Española de Fútbol, Laurentzi Gana; o seleccionador Nacional de Fútbol Sala, Venancio López; o vicepresidente primeiro da Federación Galega, Gustavo Falqué, e o presidente do Cidade de Narón, Moncho Padín. A alcaldesa accidental valorou o feito de que a selección española de fútbol sala dispute en Narón o vindeiro 29 de xullo un dos dous encontros amistosos que terán lugar en Galicia contra a selección de Exipto, convocados a modo preparatorio do Mundial de Colombia que se desenvolverá entre o 10 de setembro e o 1 de outubro. A Real Federación Española de Fútbol e a Federación Galega de Fútbol organizan este evento, no que colabora, entre outras entidades, o Concello de Narón. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá o partido, que comezará ás 21.30 horas, tal e como apuntou o concelleiro de Deportes. Romero agradeceu á Federación Española a elección de Narón para este partido contra Exipto e asegurou que “estamos moi orgullosos de recibilos neste concello”. O edil de Deportes apuntou que con motivo do partido que terá lugar o 29 de xullo e aproveitando a estancia en Narón dos xogadores, se convocarán algunhas actividades dirixidas aos nenos e nenas cos representantes da selección española. Gustavo Falqué, vicepresidente primeiro da Federación Galega de Fútbol Sala subliñou que a selección española de fútbol sala é todo un referente neste deporte a nivel mundial e “será sempre un equipo a bater, un obxectivo para os demáis”. “Que Galicia poida ser un escenario para comezar a preparación dos xogadores é moi importante”, apuntou, destacando que “o mundo federativo e as institucións temos que ir da man, porque perseguimos os mesmos obxectivos e uns e outros ao final temos que facer a vida máis sinxela aos nosos concidadáns e aos nosos deportistas para que gocen a través do deporte”. Así mesmo, Falqué incidiu en que “hoxe en día o deporte é un formato para relacionarnos e algo sumamente importante para a sociedade que nos toca vivir”. O seleccionador nacional de fútbol sala, Venancio López recordou que esta é a segunda ocasión na que a selección nacional xogará en Narón. “Xa estivemos nunha ocasión, no ano 2007, co partido España-Rumanía, nun preparativo para o europeo de Portugal e ogallá se repita a historia porque alí quedamos campións de Europa”. López recordou que a selección nacional de fútbol sala gañou en dúas ocasións o campionato do mundo; en tres quedou como subcampiona, e en sete ocasións campiona de Europa. “Somos unha das mellores seleccións do mundo e temos a esixencia de facelo o mellor posible, porque gañar é difícil pero é o noso reto”. Venancio López asegurou que tralo partido anunciará a lista definitiva da concentración final para viaxar a Colombia. Sobre a selección de Exipto, destacou o seu nivel. “Imos ver fútbol sala de alto nivel, o mellor do mundo”, apuntou, recalcando que “a xente que veña ao partido vai gozar de deporte de altísimo nivel”. Os representantes da Federación Española e Galega de Fútbol Sala agradeceron a colaboración prestada polo Concello de Narón para desenvolver este partido na localidade. Pola súa banda, o presidente do Cidade de Narón, Moncho Padín, explicou que se porán á venta mil entradas “entre 48 ou 72 horas antes do partido” e que poderán adquirirse na propia delegación ferrolá de fútbol e no pavillón polideportivo da Gándara. O prezo será de 10 euros para os adultos e de 5 para os menores de cinco anos. A alcaldesa accidental de Narón, Marián Ferreiro e o edil de Deportes agradeceron a presencia dos representantes da Federación Española e Galega de Fútbol sala en Narón e tamén a dos representantes da directiva da Federación Galega, Pablo Prieto e Manolo Mesa e do presidente do Cidade de Narón, Ramón Padín. “Para nós é un orgullo que este partido se dispute no noso concello”, asegurou Ferreiro, desexándolles unha boa estancia na localidade e moita sorte á selección española tanto nos amistosos como na final que se disputará en Colombia. Marián Ferreiro destacou o “exitoso palmarés” da selección española de fútbol sala e animou aos afecionados a acudir a ver o partido o vindeiro día 29 de xullo no pavillón da Gándara. “Esperamos que iniciedes en Narón o camiño para obter un novo título mundial”, asegurou Ferreiro.
www.naron.es