Concello de Narón
Novas
A "I BANDEIRA DE TRAIÑEIRAS CIDADE DE NARÓN" DISPUTARASE O 23 DE XULLO NA ENSEADA DA GÁNDARA
O Concello colabora co Club de Remo Narón na organización deste evento, cuxo programa inclúe varias actividades e unha Gala solidaria
Narón, 19 de xullo de 2016. A enseada da Gándara acollerá o vindeiro sábado, día 23 de xullo, a “I Bandeira de Traiñeiras Cidade de Narón” e a “I Bandeira Feminina de Traiñeiras Cidade de Narón”. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente do Club de Remo Narón, Juan Ignacio Cabana, presentaron esta mañá o evento, no que participarán un total de dez embarcacións, sete na categoría masculina e tres na feminina. A proba deportiva disputarase a partir das 18.30 horas pero o programa de actos comezará a desenvolverse pola maña, cos adestramentos previstos entre as 12.30 e as 13.30 e numerosas actividades de baile, ximnasia e solidarias, tal e como apuntou Romero. A convocatoria está organizada polo Club de Remo Narón, o Club Ximnasia Ferrolterra e a Escola de Baile “Paso a paso”, e conta coa colaboración do Concello de Narón a través do Padroado de Deportes. O edil da área felicitou ao Club de Remo Narón polos éxitos que está conseguindo e o seu esforzo económico para a adquisición da traiñeira coa que compiten –cofinanciada polo Concello de Narón- presentada o pasado mes de xuño. Román Romero destacou o feito de que a entidade está actualmente no cuarto posto da Liga Galega B de Traiñeiras, no que é o seu primeiro ano competindo. A primeria das probas será a da categoría feminina, na que participarán os clubes de Cabo de Cruz, Chapela e A Cabana. Media hora máis tarde, ás 19.00, comezará a disputarse a Liga B masculina, co Club de Remo de Narón e outros procedentes de Mera, Rianxo, A Cabana, A Pobra do Caramiñal, o Náutico de Boiro e o Vila de Cangas. O tramo a realizar pola enseada da Gándara será de 5.556 metros, en catro largos, tal e como avanzou Juan Ignacio Cabana. A entrega das bandeiras, presentadas esta mañá no Concello, terá lugar sobre as 20.00 horas nas inmediacións das instalacións do Club de Remo Narón. Ao longo da xornada desenvolveranse ademáis outras actividades, como adestramento de obstáculos co Club Altafit dutante a mañá; un concerto de Alberto Knox, a partir das 15.00 horas; sesións de baile a cargo de persoal da Escola de Baile “Paso a paso”, entre as 17.00 e as 17.30 e de ximnasia, co Club Ximnasia Ferrolterra, de 17.30 a 18.30, tamén na zona da Gándara. A partir das 20.00 haberá unha Masster Class solidaria de zumba; convocaranse talleres de fotografía –con “Vane Fotografía”-; de maquillaxe –con “Asun Álvarez”- e haberá hinchables para os nenos e nenas durante a tarde grazas a “Fiestoke”. A música será tamén a protagonista do programa nocturno, a partir das 21.00 horas, cun concerto de Adri Lodeiro. A organización deste evento apostou por darlle un marcado carácter solidario, co que as persoas que asistan a esta cita deportiva e participen nas actividades que complementan o programa, como os citados talleres de fotografía e maquillaxe, poderán deixar un donativo para axudar a Aarón. O rapaz, de 16 anos e cunha parálise cerebral, precisa moitos coidados e a súa familia recada fondos para comprar unha rampa coa que poder subir a súa cadeira de rodas á furgoneta, tal e como apuntan desde o Club de Remo Narón. O concelleiro de Deportes, Román Romero destacou o traballo que realiza na localidade o Club de Remo Narón, constituído hai dezaoito anos, e animou á veciñanza a asistir a este evento “no que non só gozaremos do bo facer do equipo do Club de Remo Narón e dos chegados doutros concellos, senón que tamén poderemos colaborar para unha causa solidaria, neste caso a de Aarón participando nalgunha das diferentes propostas deste programa e asistir a concertos e diferentes exhibicións deportivas”.
www.naron.es