Concello de Narón
Novas
O PADROADO DE DEPORTES COLABORA NA "II CARREIRA SOLIDARIA DE ASOTRAME"
A cita deportiva, para a que xa se inscribiron máis de 350 persoas, terá lugar o día 25 de setembro
Narón, 20 de setembro de 2016. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou a “II Carreira Solidaria de Asotrame” acompañado pola presidenta da Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea, Cristina Piñeiro, e de David Vivar, voluntario da entidade que coorganiza o evento xunto coa Federación Galega de Atletismo. Algo máis de trescentas cincuenta persoas estaban xa inscritas na convocatoria, que se desenvolverá este domingo, día 25, e que conta coa colaboración do Padroado de Deportes de Narón. As persoas interesadas en participar na carreira ou na andaina convocadas poden anotarse ata o xoves día 22 –ás 23.59 horas- na páxina web: www.carreirasgalegas.com, tal e como recordou Romero. A saída da carreira na categoría de adultos será ás 11.00 horas -do pavillón polideportivo da Gándara- e a andaina partirá cinco minutos máis tarde -da mesma ubicación, que tamén será o lugar no que se instalará a meta-. Os participantes adultos percorrerán un tramo duns cinco quilómetros na carreira, por distintas zonas do municipio naronés –pódese consultar o percorrido na web anteriormente citada- e o da andaina será de tres quilómetros. A partir das 12.00 sairán as categorías de “escolares” e “pitufos”. O prezo é de oito euros para a carreira e catro para a andaina de adultos, se ben os nenos e nenas pagarán un euro por calquera das opcións elixidas. A retirada dos dorsais, tal e como indicaron desde a organización, terá lugar no Centro Comercial Odeón o día 24 de 10.00 a 13.00 e desde as 17.00 ata as 21.00 horas, podendo tamén collelos o día 25 ata unha hora antes do inicio da carreira nas inmediacións do punto de saída. Os participantes recibirán unha camiseta e aquelas persoas que non poidan acudir a esta convocatoria deportiva e desexen colaborar con Asotrame poden facelo cun “Dorsal 0”, a través da web: www.carreirasgalegas.com. A Asociación Galega de Transplantados de Médula Ósea conta con preto dun centenar de asociados de Narón e comarca. A entidade dispón dun local na parcela W32 da rúa Vidrieiros, no polígono industrial de Río do Pozo. A presidenta, Cristina Piñeiro, agradeceu a colaboración do Consistorio naronés e de todas aquelas persoas, entidades e empresas que se implican nas actividades impulsadas desde Asotrame. Así mesmo, recordou que os interesados en asociarse ou colaborar coa asociación poden facelo a través da web –asotrame.com- ou chamando ao número de teléfono 686 876 865.
www.naron.es