Concello de Narón
Novas
OS TRIATLETAS JAVIER GÓMEZ NOYA, SARA GUERRERO E DAVID CASTRO PARTICIPARÁN NUNHA CHARLA-COLOQUIO NO PAZO DA CULTURA
Os tres deportistas falarán de "Triatlón, presente e futuro" o vindeiro 24 de outubro a partir das 20.30 horas
Narón, 18 de outubro de 2016. O concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico Narón, Amando Guerrero, anunciaron esta mañá no Concello a convocatoria a Charla-coloquio “Triatlón, presente e futuro”, na que participarán o pentacampión mundial e medalla de plata en Londres 2012, Javier Gómez Noya, a naronesa Sara Guerrero, triatleta internacional e quinta clasificada na Tiszaujvaros triathlon European Cup (Hungría), e David Castro (do clube La Roda, de Albacete), campión de Europa sub23 e recente gañador da Copa do Mundo de Salinas (Ecuador). A cita programouse para o vindeiro luns, día 24, a partir das 20.30 horas no Pazo da Cultura de Narón e o encargado de presentar a charla e de moderar o debate posterior será o xornalista deportivo Antón Bruquetas, que xunto co tamén xornalista Paulo Alonso escribiu o libro “A pulso. La historia de superación de Javier Gómez Noya”. A Concellería de Deportes de Narón coorganiza este evento -no que tamén colabora o Padroado da Cultura de Narón- coa AD Náutico Narón, ao que o edil responsable da área animou a acudir tanto aos veciños e veciñas da localidade como da comarca. A convocatoria permitirá aos asistentes escoitar por primeira vez nun acto público a Gómez Noya tras recoller o premio Princesa de Asturias dos Deportes 2016. Así mesmo, tal e como explicaron desde a organización, programouse co fin de dar a coñecer máis polo miúdo este deporte. Os tres triatletas explicarán aos asistentes cómo se iniciaron nesta práctica que inclúe tres disciplinas deportivas (natación, carreira a pé e ciclismo) e tamén as súas experiencias ao longo da súa carreira. As persoas interesadas en asistir deben recoller previamente a entrada ao acto –de balde- no Pazo da Cultura (en horario de mañá e tarde) ou nas instalacións da Agrupación Deportiva Náutico Narón, no pavillón polideportivo da Gándara (só de 18.00 a 20.00). A AD Náutico Narón conta na actualidade cun total de sesenta licenzas de triatlón, con persoas de Narón e comarca e con nenos e nenas desde os oito anos, tal e como indicou o presidente da agrupación, Amando Guerrero.
www.naron.es