Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "VII TROFEO DE CICLOCROSS CIDADE DE NARÓN"
A competición disputarase o 22 de outubro nun circuíto habilitado na zona do polígono industrial de Río do Pozo
Narón, 18 de outubro de 2016. O polígono industrial de Río do Pozo acollerá o sábado, día 22, a celebración da sétima edición do “Open Galego de Ciclocross-VII Trofeo Cidade de Narón”. O edil de Deportes, Román Romero, presentou hoxe a convocatoria acompañado polo presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz; de Álvaro Rey, do Club Ciclista Cambre; de Mario Pita e Tamara Núñez, de Beni Gym Sport (Narón) e representantes os tres últimos da organización do evento. A competición deportiva comezará ás 14.30 horas no polígono industrial de Río do Pozo –a saída está prevista das inmediacións do Hotel Valcarce, na rúa Ceramistas, 112-. A organización confía en alcanzar os douscentos participantes, estando xa inscritas persoas de Narón e comarca e tamén procedentes de Castela, Portugal e Fuerteventura, entre outras localizacións. A proba disputarase nun circuíto pechado duns dous quilómetros, dos que uns 300 metros son de asfalto e o resto sobre campo, con algúns obstáculos, tal e como explicaron desde a organización. Haberá categorías de cadetes, júnior e élite masculina e feminina e tamén máster 30, 40 e 50. Ás 14.30 horas comezarán as carreiras, cunha inicial de promoción para os participantes de menor idade. A continuación terá lugar a primeira manga máster e cadete; as féminas e élite e junior na terceira manga. Ao remate da proba, sobre as 18.30 horas, procederase á entrega dos trofeos estipulados pola Federación Galega para este tipo de eventos deportivos. A cita suporá o arranque da Copa Galicia de Ciclocross, que este ano consta de once probas e unha do campionato galego que se disputarán ao longo da xeografía galega, tal e como explicou o presidente da Federación Galega de Ciclismo, Juan Carlos Muñiz. As persoas interesadas en anotarse poderán facelo, de balde (o único requisito é estar federado), ata o xoves día 20 ás 22.00 horas, a través da páxina web da Federación Galega de Ciclismo: www.fgalegaciclismo.es. Para obter máis información pódese chamar aos números de teléfono 620 830 600 e 619 097 088.
www.naron.es