Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA "PRIMEIRA CARREIRA SOLIDARIA SANTANDER DE NARÓN"
O evento, organizado en colaboración co Padroado de Deportes de Narón celebrarase o 27 de novembro na localidade e recadará fondos para Cruz Vermella
Narón, 9 de novembro de 2016. O municipio de Narón será a vindeira parada, o 27 de novembro, do circuíto estatal das “Carreiras Solidarias Santander” que a entidade bancaria patrocina na localidade en colaboración co Padroado de Deportes e Cruz Vermella. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá o evento acompañado por tres directores de sucursais do Banco Santander en Narón: Santiago García-Ciaño, Silvia Míguez e Lidia Martínez. “1, 2, 3 a correr. Corre con nós e deixa a túa pegada solidaria” é o lema desta convocatoria, que os organizadores confían que teña continuidade nos vindeiros anos. Desde a concellería de Deportes, o edil responsable da área animou á xente a “participar neste evento para facer un pouco deporte en familia, ao habilitarse probas en diferentes categorías e, ao mesmo tempo, colaborar cunha causa solidaria, neste caso, a través de Cruz Vermella”. O concelleiro naronés explicou que o tramo a percorrer é de cinco quilómetros -por varias rúas da zona urbana- na categoría de adultos, con saída e meta na rúa 10 de Marzo ás 11.00 horas, e de 900 a 300 metros para as infantís (de 4 a 15 anos), que terán lugar a partir das 12.00 horas. As persoas interesadas en participar nesta “Primeria Carreira Solidaria Santander de Narón” poderán anotarse ata o 25 de novembro a través da plataforma online: www.123acorrer.es ou o mesmo día da carreira –de 9.00 a 10.00 horas- nunha carpa do Banco Santander que se instalará na rúa 10 de Marzo. O prezo da inscrición é de 13 euros ou 8 para os adultos (coa entrega ou non dunha camiseta do evento, respectivamente) e dun euro para os participantes das categorías infantís. A entrega dos dorsais e da bolsa dos corredores terá lugar tamén na carpa do Banco Santander, o propio día 27 de 9.00 a 11.00 horas. Nas categorías masculina e feminina de adultos os tres primeiros clasificados recibirán unha medalla e os dez mellor clasificados unha camiseta de “Top Finisher”, mentres que nas dos participantes de entre 4 e 15 anos se entregará a todos unha medalla pola súa implicación, sendo as dos tres primeiros de ouro, prata e bronce, respectivamente. Da cuota de inscrición de adultos un total de 4 euros destinaranse á Cruz Vermella Asemblea Comarcal de Ferrol e tamén de xeito íntegro o euro recadado nas categorías infantís. Os fondos obtidos destinaranse ao desenvolvemento de proxectos de formación e emprego para persoas desempregadas en cada unha das localidades, tal e como indicaron desde a organización. Así mesmo, este novo proxecto de patrocinios deportivos de Banco Santander ten entre os seus obxectivos, apuntaron os representantes da entidade, “axudar ás persoas e ás empresas a prosperar dun xeito sinxelo, persoal e xusto, achegando o deporte popular á sociedade para contribuír a mellorar o día a día das persoas e para fomentar o desenvolvemento dunha vida sana”.
www.naron.es