Novas
 
O FESTIVAL AIRE LIBRE OFRECERÁ ESTA FIN DE SEMANA EN RÍO DO POZO VARIAS PROPOSTAS RELACIONADAS COA NATUREZA, O OCIO E A AVENTURA
O concelleiro de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a participar nas diferentes propostas deste evento, pioneiro na comarca
Narón, 23 de maio de 2017. O Concello de Narón acollerá esta fin de semana a primeira edición do Festival Aire Libre, un evento organizado pola asociación Odysseus, en colaboración co Concello de Narón, e no que se combinarán diferentes actividades relacionadas coa natureza, o ocio e a aventura. O edil de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por Carlos Mariñas e Enrique Martínez, da asociación organizadora, Odysseus, e de Olga Romero, do Auto Club Clásicos Narón, en representación dos colaboradores. A cita será o sábado 27 e o domingo 28 no polígono de Río do Pozo –nunha parcela ubicada nas inmediacións da sede do Speis de Narón- e durante a mesma desenvolveranse unha gran variedade de actividades en horario de mañá e de tarde, tal e como apuntou o edil de Deportes, Román Romero. A entrada é de balde e os asistentes que queiran participar nalgunhas actividades deberán inscribirse previamente no recinto.
O Festival Aire Libre comezará oficialmente o sábado ás 9.00 horas, se ben a saída da primeira das rutas turísticas en vehículos 4x4 polos arredores do recinto e da ruta familiar –de dez quilómetros e adaptada a todas as idades- se iniciarán ás 10.00. Ás 10.30 procederase a inaugurar a zona de expositores, cunha decena de participantes, entre eles de autocaravanas, de bicicletas de trial, e relacionadas con vehículos 4x4. Ao longo da mañá os asistentes poderán rodar nun mini circuíto de BTT, pasear en vehículos todoterreo, ou asistir a charlas sobre condución en situación extremas, entre outras propostas. A actividade continuará pola tarde, con series de piques fangueiros –nun circuíto de lodo-, exhibicións con vehículos 4x4, charlas de apicultura, unha sesión de adiestramento de cans e moitas outras actividades que culminarán ás 21.00 horas, co peche de expositores para, a partir das 21.30, iniciar o tempo para cear –haberá establecementos de venda de churrasco, polbo, foodtrucks…- e ambientación musical.
Na xornada do domingo, tal e como apuntaron os organizadores, a actividade dará comezo ás 10.00 coa saída da ruta en quads non deportivos e os expositores reabrirán ás 10.30 horas. Ao longo da mañá haberá novas exhibicións de vehículos 4x4, charlas sobre actividades subacuáticas, adopción de animais –a cargo da asociación Cometa- e bicitrial, exhibición canina do Tercio Norte, unha exposición de vehículos clásicos, a cargo do Club Clásicos Narón e moitas outras propostas –algunhas dirixidas a menores- que continuarán pola tarde, desde as 15.30. Tamén o domingo, ás 16.30 horas, terá lugar un recoñecemento aos bombeiros forestais de Galicia e realizarase un sorteo dunha fin de semana dunha ruta pola Costa da Morte –con desprazamento, aloxamento e manutención pagados- entre as persoas que participen activamente no evento.
Carlos Mariñas, da asociación Odysseus, destacou a gran variedade de propostas que se ofrecen neste evento, ao tempo que agradeceu a colaboración do Concello de Narón no mesmo. Mariñas avanzou que de cara a novas edicións a organización xa se está plantexando incrementar a oferta de actividades.
Finalmente, o edil de Deportes de Narón, que animou á veciñanza a acudir a “este evento pioneiro na comarca e no que os asistentes terán a oportunidade de elixir entre múltiples actividades relacionadas coa natureza, o ocio e a aventura, con propostas para persoas de tódalas idades”.


Descarga de archivos
Programa Festival Aire LibreTamaño:
87,54 KB
Descargar


Últimas noticias
O "XIV TROFEO CIDADE DE NARÓN DE TIRO CON ARCO" CELEBRARASE NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
MÁIS DE DOUSCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXV TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN. XV MEMORIAL JAVIER LAGO"
O ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO ACOLLERÁ O VINDEIRO DOMINGO O "XVI TROFEO DE ATLETISMO CIDADE DE NARÓN"
O ADESTRADOR DO UNIVERSITARIO FERROL, LINO LÓPEZ AMADO, NOMEADO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2017"
O SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES ABRIU O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DEPORNADAL

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal