Novas
 
A "XII CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN" CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA
Os días 2, 3 e 4 de xuño reuniranse en Xuvia centos de afeccionados ao mundo do motociclismo
Narón, 30 de maio de 2017. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá a “XII Concentración Moteira Cidade de Narón” acompañado polo presidente e o secretario do Moto Club Fojeteiros, José María López Quintián e José Antonio Suárez, respectivamente. A cita terá lugar os días 2, 3 e 4 de xuño no paseo marítimo de Xuvia, donde afeccionados ao motociclismo poderán gozar dunha gran variedade de actividades programadas para a ocasión, tal e como indicaron desde a organización. Confirmaron a súa asistencia afeccionados ao motociclismo procedentes de diferentes localidades españolas, principalmente de Galicia pero tamén de concellos de Asturias, Valencia e León, entre outros.
O programa comezará o venres ás 18.00 horas, coa inauguración do evento e a apertura do Mercadillo moteiro, con varios postos de venta de artigos relacionados coas motos, un posto de venda de polbo, unha foodtruck e xogos para menores. Habéra tamén en Xuvia un simulador de “Caballitos X-bike” e pola noite, a partir das 21.30 horas servirase a cea para as persoas inscritas –baixo unha carpa e con posibilidade de comprar os tickets nas inmediacións da mesma-. O apartado músical dará comezo ás 23.00 horas e correrá a cargo dos grupos BlackJack e Bus Brothers Band.
Na xornada do sábado, día 3, abriranse as inscricións a partir das 10.00 horas para a Ruta mototurística que levará aos moteiros desde Xuvia ata o Concello das Pontes. Alí comerán baixo unha carpa instalada para o evento, en donde permanecerán ata as 16.00 horas, cando partirán novamente cara ao paseo marítimo de Xuvia. As actividades da tarde en Xuvia inclúen unha exhibición de trial a partir das 17.00, na que participarán Juanda de la Peña, actual campión de España de Bike-trial; Víctor Palomares, seis veces campión absoluto da Comunidade de Valencia en Moto trial; e Víctor Ares. Unha vez que remate a exhibición, sobre as 21.30, servirase a cea baixo a carpa de Xuvia e ás 23.00 comezarán os preparativos para a espectacular Ruta das antorchas, na que os moteiros percorrerán a estrada de Castela (no tramo Xuvia-Ponte das Cabras-Xuvia) portando fachos que iluminarán o camiño ao seu paso. Para esta espectacular cita, reducirase a intensidade da iluminación da estrada nese tramo e a organización entregará aos asistentes, como novidade, unhas tres mil luces químicas coas que animarán o paso dos moteiros desde as beirarrúas. A convocatoria realízase para homenaxear aos motociclistas falecidos. Rematada a ruta dará comezo de novo a festa no paseo de Xuvia co D´J Dremamers.
Na última xornada da “XII Concentración Moteira Cidade de Narón”, o domingo día 4, haberá tamén Mercadillo moteiro e un almorzo en Xuvia ás 9.30. Ás 11.30 partirá a Ruta mototurística cara a Pantín para dirixirse a San Sadurniño, visitar o mirador do Monte de Ancos, en Neda, e voltar ao paseo de Xuvia para a comida, que se servirá a partir das 14.30 horas. Antes de finalizar o evento sortearanse varios agasallos entre os asistentes.
Un ano máis, o Moto Club Fojeteiros organiza unha recollida solidaria de tapóns que se destinarán á causa “Alba, la promesa”, habilitando un punto no que durante os tres días do evento se poderán depositar.
Os representantes do Moto Club Fojeteiros agradeceron a colaboración do Concello de Narón, un ano máis, neste evento. Pola súa parte, o edil de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a asistir a esta concentración moteira “unha cita que reúne a centos de afecionados do mundo do motociclismo no noso concello” e aproveitou a ocasión para valorar a colaboración dos integrantes do citado Moto Club con diferentes eventos organizados polo Concello de Narón.



Últimas noticias
AS PISCINAS DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA REABRIRON PARA AS SESIÓNS DE BAÑO LIBRE
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NO "XX TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN"
O CONCELLO COLABORA CON ASOTRAME NA ORGANIZACIÓN DA "III CARREIRA SOLIDARIA"
O CONCELLO ORGANIZA O DÍA DO DEPORTE NO COMPLEXO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DA GÁNDARA
A TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" INCLÚE OITO SAÍDAS ATA XULLO DE 2018

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal