Novas
 
O "XXX RALLYE CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTA SEMANA A PRETO DE 150 EQUIPOS
As probas desenvolverase os días 16 e 17 de xuño e a entrega de premios será na madrugada do día 18
Narón, 14 de xuño de 2017. A trixésima edición do “Rallye Cidade de Narón” celebrarase do 16 ao 18 de xuño e reunirá este ano a 148 recoñecidos equipos. O alcalde de Narón, José Manuel Blanco, e o edil de Deportes, Román Romero, presentaron o evento acompañados por Antonio Sueiras e José Ramón Padín, presidente e director, respectivamente, do comité organizador. A Escudería Siroco Narón organiza este evento en colaboración con varios concellos da zona, entre eles o de Narón, e outras administracións. O percorrido total do rallye será de 368,59 quilómetros, dos que 130,540 se corresponden con nove tramos cronometrados por estradas asfaltadas, que permanecerán pechadas ao tráfico rodado. O “Rallye Cidade de Narón” divídese en dúas etapas e cinco seccións e terá cinco parques de asistencia. Desde a Escudería Siroco Narón agradeceron a colaboración prestada polo Concello de Narón “desde o primeiro ano que se celebrou este Rallye”.
Sueiras apuntou que entre as novidades desta edición se atopa o tramo “Talleres Gandoy”, de 1,14 quilómetros, que se celebrará o venres a partir das 19.45 horas cunha primeira pasada con “moito espectáculo” e cunhas gradas con cabida para seiscentas persoas –para ver a proba desde as mesmas será obrigatorio o pago de tres euros-. O sábado o programa comezará ás 7.30 horas coa saída do primeiro participante cara ao polígono de Río do Pozo, no parque de traballo e desde aí ao primeiro tramo cronometrado, o de “Talleres Breogán”, de 15,5 quilómetros pola zona de Ferreira (San Sadurniño), con 15,5 quilómetros. A continuación os participantes irán para o tramo “Talleres Casal y Pernas”, en Cerdido, de 16,48 quilómetros, o máis longo do rallye e despois irán ao parque de traballo, donde haberá unha carpa cunha zona habilitada para que os pilotos poidan comer un menú previo pago de 13 euros.
Pola tarde, ás 17.00 dará comezo o tramo de “Autos Pasuco”, o primeiro cronometrado, de 16,43 quilómetros e “novidoso e coñecido ao comezar na piscina de Moeche, nunha zona recén asfaltada e moi rápida”, apuntou Sueiras. O último é o tramo “Fercapi Galicia”, de 16,29 quilómetros e pola zona de Vilaboa. “Son todos a doble pasada e ao final os participantes van á entrega de premios ás inmediacións de Odeón, sobre as 01.00 horas do domingo”, explicou.
En canto aos participantes, José Ramón Padín asegurou que entre os 148 equipos “están os que teñen que estar, os aspirantes ao campionato galego”. Sobre os favoritos, o director do comité apuntou a Víctor Senra, “bo piloto e con bo coche”, pero recoñeceu que Alberto Meira, gañador da edición do ano pasado, “vaillo poñer moi difícil” e tamén mencionou a Yago Caamaño, que participará cun coche igual ao de Senra. “Hai moito piloto local, uns 80 da zona de Ferrolterra, Eume e Ortegal”, asegurou Padín.
Ao rematar a proba repartiranse un total de 8.400 euros en premios, tal e como se destacou desde a organización. Os seis primeiros pilotos e copilotos clasificados da Xeral e o primeiro de cada agrupación –tamén piloto e copiloto- obterán: 1.800 euros o primeiro; 1.350 o segundo; 1.000 os terceiros e 750; 600 e 500, respectivamente, os cuartos, quintos e sextos mellor posicionados, ademais de dous trofeos. As agrupacións recibirán 250; 130 ou 100 euros, da primeira á terceira mellor clasificada, máis un trofeo.
Como director da proba, Padín lamentou a falta de colaboración, en materia de seguridade, das forzas da orde pública neste tipo de eventos. “Esas forzas participan moi pouco en coorganización do rallye, colaborar si porque estarán por aí pero coorganizar non”. Puxo como exemplo que en anteriores edicións persoal da Garda Civil de Tráfico realizaba tarefas de coordinación para a seguridade no interior dos tramos. “Esta é unha proba de moito risco de accidentes, loxicamente, e é preciso extremar as medidas de seguridade, tanto pola nosa parte, como organizadores, como pola das forzas de seguridade”, subliñou Padín. Tanto o alcalde naronés como o edil de Deportes se sumaron a esta reivindicación, tras coñecer o acontecido este ano, e destacaron a importancia de “sumar entre todos para evitar acontecementos desagradables”.
O edil de Deportes de Narón, Román Romero, felicitou á Escudería Siroco Narón “polo gran traballo que fai ano tras ano e por alcanzar esta trixésima edición este ano”. O concelleiro eloxiou a súa labor e ofreceu o respaldo do Concello para continuar avanzando na mesma liña.
Finalmente, o alcalde destacou o éxito que un ano máis obtén en canto á participación este Rallye na cidade. Blanco felicitou tamén á Escudería Siroco Narón “por un traballo que non é doado” e incidiu na importancia de que as forzas de seguridade se impliquen activamente neste tipo de probas deportivas, ao tempo que aludiu á necesaria colaboración dos asistentes, atendendo ás indicacións da organización, para que se celebre o evento sen incidencias.
Así mesmo, aconséllase ás persoas que acudan ao rallye que estacionen na zona do polígono da Gándara, debido aos cortes de rúas que implicará no tramo urbano este evento. O desenvolvemento das probas, así como a información previa, pode consultarse a través do Facebook: Rallye Narón e tamén en Twitter: @RallyeNaron e na páxina web: wwwrallyenaron.org, se ben tamén se habilitará unha APP para dispositivos móbiles (Rallye Narón).
Os organizadores animaron á cidadanía a asistir a esta nova edición dun dos eventos máis recoñecidos a nivel deportivo dentro e fóra do municipio naronés.


Descarga de archivos
HorariosTamaño:
119,63 KB
Descargar


Últimas noticias
O FESTIVAL AIRE LIBRE OFRECERÁ ESTA FIN DE SEMANA EN RÍO DO POZO VARIAS PROPOSTAS RELACIONADAS COA NATUREZA, O OCIO E A AVENTURA
A "XII CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN" CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA
O "XXX RALLYE CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTA SEMANA A PRETO DE 150 EQUIPOS
CORTES DE TRÁFICO EN VARIOS VIAIS DA ZONA URBANA NO "XXX RALLYE DE NARÓN"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ANDAINA FINAL DA SEGUNDA EDICIÓN DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal