Novas
 
UN TOTAL DE TRINTA E SEIS EQUIPOS XOGARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO "IV TORNEO DE FÚTBOL 8 NARÓN O FREIXO"
O estadio municipal de Río Seco acollerá esta cita os días 9 e 10 de setembro e que coincide coa celebración do 25 aniversario da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón "O Freixo"
Narón, 7 de setembro de 2017. O Estadio Municipal de Río Seco acollerá esta fin de semana, os días 9 e 10, o “IV Torneo de Fútbol 8 Narón “O Freixo”, un evento que este ano coincide co 25 aniversario da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo”. O edil de Deportes, Román Romero, e o presidente da Sociedade Deportiva Narón “O Freixo”, Juan Rey, presentaron hoxe o evento acompañados por Rafael Pazos, vicepresidente primeiro da entidade e Juan Carlos Vázquez, coordinador das escolas do Narón “O Freixo”. O edil naronés destacou a celebración do vixésimo quinto aniversario da citada sociedade deportiva, “que todos estes anos desempeñou unha labor importantísima no noso concello”, ao tempo que os animou a continuar desenvolvendo a súa labor durante moitos máis anos e os felicitou pola organización deste evento.
En total participarán neste torneo 36 equipos, que xogarán o sábado na categoría Alevín, a partir das 9.00 e ata as 21.00 horas, e o domingo na de Benxamín, de 9.30 a 20.00 horas. Na categoría Alevín xogarán –en campos de herba natural- os clubes Narón “O Freixo” A, B e C, o Real Club Celta, o Real Club Deportivo da Coruña, o Xuventude de Oroso, o Gijón Industrial, o Ural Club de Fútbol, o Cultural Leonesa B, o Racing de Ferrol e o Rápido de Bouzas, entre outros. Na xornada do domingo, na categoría Benxamíns xogarán o Real Club Deportivo, o Club Deportivo Narón, o Narón “O Freixo”, o Real Club Celta, o Rápido de Neda, o Racing de Ferrol e o Club Deportivo As Pontes, ademais doutros equipos.
O coordinador das Escolas do Narón “O Freixo”, Juan Carlos Vázquez, asegurou que neste torneo estarán presentes “as sete ou oito mellores escolas de Galicia” e animou á veciñanza a asistir ao evento, para así “gozar e vivilo no propio campo”. Así mesmo, o vicepresidente primeiro do clube, Rafael Pazos, recalcou que o Narón “O Freixo” é un referente hoxe en día a nivel deportivo en Galicia” e, sobre o torneo, indicou que “para nós é o mellor de pretemporada a nivel autonómico”.
O presidente do clube naronés, Juan Rey, convidou á cidadanía a acudir a esta cita deportiva esta fin de semana, agradecendo a colaboración do Concello de Narón. O público debe adquirir para poder entrar unha rifa que ten un prezo de 3 euros por persoa, cantidade coa que se sufragarán as merendas e manutención dos integrantes dos equipos que participan no torneo e tamén haberá un espazo habilitado para que poidan comer as persoas que acudan como público sen desprazarse das instalacións, donde se servirán menús “a prezos populares”.
A maiores do apartado deportivo, os organizadores anunciaron que na xornada do sábado, ao remate dos partidos, terá lugar a celebración do “fin de festa”, concretamente tralo acto de entrega de premios. O speaker pontés Xalo Maira, será o encargado de amenizar a xornada, coa que se conmemorarán os 25 anos de historia da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón “O Freixo”.
Finalmente, o concelleiro naronés destacou tamén o compromiso do goberno local coa citada entidade, valorando o traballo que realiza e anunciando a próxima construción dun campo de fútbol 11 anexo ao estadio de Río Seco.


Descarga de archivos
Cadro de grupos e calendario de partidosTamaño:
230,22 KB
Descargar
CartelTamaño:
89,11 KB
Descargar


Últimas noticias
AS PISCINAS DO PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA REABRIRON PARA AS SESIÓNS DE BAÑO LIBRE
ÚLTIMOS DÍAS PARA INSCRIBIRSE NO "XX TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN"
O CONCELLO COLABORA CON ASOTRAME NA ORGANIZACIÓN DA "III CARREIRA SOLIDARIA"
O CONCELLO ORGANIZA O DÍA DO DEPORTE NO COMPLEXO POLIDEPORTIVO MUNICIPAL DA GÁNDARA
A TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" INCLÚE OITO SAÍDAS ATA XULLO DE 2018

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal