Novas
 
O CONCELLO E A AGRUPACIÓN DEPORTIVA NÁUTICO DE NARÓN ORGANIZAN O "TRISHARK NARÓN"
O evento, no que participarán 150 triatletas, terá lugar o sábado 16 de setembro na zona do paseo de Xuvia, e implicará cortar ao tráfico rodado un tramo da estrada de Castela durante unas horas
Narón, 14 de setembro de 2017. A Concellería de Deportes e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón presentaron esta mañá no Concello o “Trishark Narón”, un espectáculo de triatlón que terá lugar o sábado, día 16, e que conta coa colaboración da Federación Galega de Triatlón. Un total de 150 persoas participarán neste evento deportivo, que se desenvolverá nas inmediacións do paseo marítimo de Xuvia, tal e como indicaron os organizadores. O concelleiro de Deportes subliñou que “estamos moi contentos de volver a traer a Narón, despois de vinte e cinto anos, unha proba destas características” e comprometeuse a manter “a liña de apoio do Concello á promoción do deporte en xeral, e do triatlón e o deporte feminino en particular”.
Ás 13.15 horas darase a saída á proba de promoción en distancia supersprint, que consiste en 300 metros de natación; 12 quilómetros de bicicleta e 2,5 quilómetros de carreira a pé. A continuación, sobre as 14.15 horas terá lugar a saída das probas de élite para a categoría feminina e ás 14.30 a das da masculina, disputándose sobre distancia sprint.
Deportistas procedentes de todo o país e de gran nivel, como Melina Alonso e Paula Ferreiro, do clube TriFerrol; a naronesa Sara Guerreiro, a olímpica Londres 2012- Zuriñe Rodríguez, da AD Náutico de Narón; a asturiana Raquel Pérez ou a marbellí Marina Castro participarán na categoría feminina. No que respecta á masculina, acudirán a este evento os triatletas Diego Paz, do clube Inforahouse Santiago, Carlos Brión, de Ribeira; o venezonalo Luís Miguel Velasquez; Sergi Castro, do Tri Marbella, Víctor Díaz, do triatlón Lugones-Asturias e Xavi Rivas, do Ecosport Alcobendas Madrid. Será baixa, tal e como indicou Amando Guerrero, David Castro, que sufriu unha caída no campionato de España. “Trátase dun cartel de luxo para esta primeira edición do “Trishark Narón”, cunha gran participación dos anfitrións do Náutico de Narón e dos locais do Triatlón Ferrol”, asegurou o presidente do clube naronés.
Entre as novidades desta convocatoria, anunciou Guerrero, haberá unha clasificación por equipos, non por clubes, que resultará da suma de tempos de catro deportistas (tres rapaces e unha rapaza), para favorecer a familiarización e relación entre clubes e deportistas, apuntou Guerrero, que agradeceu a colaboración do Concello naronés.
A entrega de premios está prevista para as 16.20 horas na zona do paseo de Xuvia, tal e como apuntou Romero, que animou aos veciños e veciñas a acudir a esta proba e destacou o traballo da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, desexando moita sorte a todos os participantes no “Trishark Narón”.

Cortes de tráfico
A celebración deste evento deportivo implicará pechar ao tráfico rodado a estrada de Castela o propio sábado 16 entre as 13.00 e as 16.30 horas, no tramo comprendido entre a rotonda de Megasa e a estrada de San Xiao, en ambos sentidos, e o seu acceso desde as rúas adxacentes. O concelleiro de Seguridade Cidadá e Transporte Público, Guillermo Sánchez Fojo, solicitou de antemán desculpas á cidadanía polas molestias que poida ocasionar a medida, e tamén a máxima colaboración para o correcto desenvolvemento do “Trishark Narón”.
O peche do tramo indicado da estrada de Castela implicará desviar aos vehículos que transiten pola zona cara a Ferrol pola estrada de San Xiao e aos que vaian cara a Neda pola estrada FE-11, tal e como apuntou Sánchez Fojo. No que respecta a este último vial, a FE-11, estará totalmente pechada á circulación entre a rotonda da autoestrada e a de Megada, en dirección á estrada de Castela, ao formar parte do circuíto da proba.
Así mesmo, desde a Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público indicouse que desde as rúas Río do Porto, Río Inxerto, Río Pedreiro e Camiño da Revolta poderase circular polo vial paralelo á vía e incorporarse á estrada de Castela pola rúa Río Baxoi.
No caso das rúas Bailén, Manuel de Cal, Cáceres, Telleiras, FEVE, Garda Civil e Xoán Cangas non se poderán incorporar os vehículos á estrada de Castela ata que remate a proba ciclista, sendo o horario estimado do corte da circulación nesa zona entre as 13.00 e as 16.00 horas.
Por último, desde os viais Curros Enríquez, Río Forcadas, Altea, Somozas, Irmandade e Doutor Fleming habilitouse unha saída para casos de urxencia a través das rúas Irmandade, Somozas e Foro, tal e como se subliñou desde a Concellería de Seguridade Cidadá e Transporte Público.
Para obter máis información pódese consultar a páxina web da Policía Local de Narón: http://policia.naron.es/ ou o Facebook da Policía Local de Narón.



Últimas noticias
O "XIV TROFEO CIDADE DE NARÓN DE TIRO CON ARCO" CELEBRARASE NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
MÁIS DE DOUSCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXV TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN. XV MEMORIAL JAVIER LAGO"
O ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO ACOLLERÁ O VINDEIRO DOMINGO O "XVI TROFEO DE ATLETISMO CIDADE DE NARÓN"
O ADESTRADOR DO UNIVERSITARIO FERROL, LINO LÓPEZ AMADO, NOMEADO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2017"
O SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES ABRIU O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DEPORNADAL

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal