Novas
 
A TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" INCLÚE OITO SAÍDAS ATA XULLO DE 2018
As rutas comezarán o vindeiro 29 de outubro e as persoas interesadas en asistir deberán anotarse previamente no Pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 6 de outubro de 2017. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá no Concello a terceira edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Padroado de Deportes de Narón. Esta exitosa iniciativa retomarase o vindeiro 29 de outubro e contempla un total de oito saídas pola comarca, que rematarán o vindeiro mes de xullo. “Un ano máis programamos un completo calendario de roteiros para percorrer a pé o noso concello e outras zonas de interese da nosa comarca, tratando así de fomentar o deporte entre a cidadanía e tamén coñecer un pouco mellor determinados espazos naturais”, apuntou Romero. O edil naronés animou á veciñanza a participar un ano máis nesta proposta, ao igual que o fixeron nas dúas anteriores edicións, nas que este programa obtivo moi boa acollida entre a veciñanza.
A primeira das rutas programadas é a Ruta dos paseos, o 29 deste mes, un percorrido circular –con saída ás 10.00 horas do pavillón polideportivo da Gándara- no que os asistentes camiñarán uns trece quilómetros nun tempo dunhas dúas horas e media. O punto de partida será na zona da Gándara, para dirixirse ao paseo de Xuvia, por un tramo do Camiño Inglés, cara ao concello de Neda e regresar polo paseo de Xuvia ata a Gándara. As inscricións poden formalizarse a partir do vindeiro luns, día 9 de outubro.
A finais de novembro, o día 26, o percorrido será entre A Gándara e o Mirador de Ancos (Neda), tamén duns doce quilómetros e para realizar nunhas tres horas.
O vindeiro ano a primeira das saídas será o 28 de xaneiro, cun roteiro que comezará no Castelo da Palma (Mugardos) e rematará en Punta Coitelada (Ares); o domingo 25 de febreiro o tramo a percorrer será a Senda da Memoria, na zona do Lago das Pontes; o 25 de marzo os camiñantes irán pola zona da Fervenza do Bellele e o 22 de abril polos Montes de Brión e o Mirador de Monteventoso (Ferrol). As dúas últimas rutas do programa son o 27 de maio, entre Ponzos e o Faro de Meirás (Valdoviño), pola senda Ártabra, e o 1 de xullo –data pendente de confirmación- terá lugar a andaina que porá fin a esta terceira edición de “Ponte en ruta con nós”, desde o antigo Concello en Xuvia ata a área recreativa de Pedroso.
As persoas interesadas en anotarse deberán facelo, como en anteriores convocatorias, no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 10.00 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas. As prazas son limitadas e cubriranse por orde de inscrición, establecéndose como data límite para anotarse o mércores anterior á data de saída do mes correspondente. O prezo a abonar para asistir é de tres euros, unha cantidade coa que se pagan os traslados en autobús dos camiñantes ata o punto de inicio da ruta e o regreso ao punto de recollida.
Desde o Concello recordouse que non poden asistir menores de 18 anos sen estar acompañados pola nai, o pai ou titor/a.


Descarga de archivos
Ficha de inscriciónTamaño:
63,91 KB
Descargar
CalendarioTamaño:
1,23 MB
Descargar


Últimas noticias
O "XIV TROFEO CIDADE DE NARÓN DE TIRO CON ARCO" CELEBRARASE NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
MÁIS DE DOUSCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXV TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN. XV MEMORIAL JAVIER LAGO"
O ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO ACOLLERÁ O VINDEIRO DOMINGO O "XVI TROFEO DE ATLETISMO CIDADE DE NARÓN"
O ADESTRADOR DO UNIVERSITARIO FERROL, LINO LÓPEZ AMADO, NOMEADO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2017"
O SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES ABRIU O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DEPORNADAL

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal