Novas
 
O "CAMPIONATO GALEGO DE SELECCIÓNS COMARCAIS DE FÚTBOL SALA. TROFEO CONCELLO DE NARÓN" CELEBRARASE NO PAVILLÓN DA GÁNDARA
A alcaldesa, Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Román Romero, presentaron o evento acompañados por representantes da Federación Galega de Fútbol Sala e do clube deportivo Cidade de Narón
Narón, 27 de outubro de 2017. O pavillón polideportivo municipal da Gándara acollerá o mércores 1 de novembro o “Campionato Galego de Seleccións Comarcais de Fútbol Sala. Trofeo Concello de Narón”. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro e o edil de Deportes, Román Romero presentaron o evento acompañados polo responsable da Real Federación Galega de Fútbol Sala, Pablo Prieto; o delegado en Ferrolterra da citada entidade, Manuel Mesa, e o presidente do Cidade de Narón Fútbol Sala, Ramón Padín. A entrada é de balde, tal e como explicou Román Romero, que convidou a tódolos afeccionados ao fútbol sala a acudir a esta cita deportiva, na que participarán un total de sete seleccións cadetes.
A alcaldesa valorou o ofrecemento da Federación Galega de Fútbol Sala ao Concello de Narón para poder celebrar este evento na cidade, destacando que reunirá na localidade a centos de afeccionados ao fútbol sala. Pola súa banda, tanto Prieto como Mesa agradeceron a boa disposición do Consistorio e a colaboración prestada cando así o requeriu o citado organismo deportivo.
As seleccións que participarán no campionato, que se desenvolverá entre as 10.00 e as 21.00 horas serán as da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Vigo, Santiago e Ferrol. “Este é o primeiro torneo oficial de seleccións comarcais organizado pola Federación Galega de Fútbol desde que ten competencia en fútbol sala”, subliñou Prieto, que recalcou que se trata dun “momento histórico”. O directivo da Federación Galega de Fútbol sala valorou tamén o feito de que o clube deportivo Cidade de Narón “sexa o motor do fútbol sala deste concello”.
Pola súa banda, Ramón Padín agradeceu ao Concello o feito de que organizase o campionato na cidade e animou aos representantes do goberno local a continuar traballando “na mesma liña”, apostando polo deporte, algo que confirmaron que se seguirá facendo tanto a alcaldesa como o edil responsable da área.



Últimas noticias
O "XXXI RALLYE CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTA FIN DE SEMANA A 139 PARTICIPANTES
O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO DÍA 30 DE XUÑO NA GÁNDARA A FESTA DO DEPORTE
O CONCELLO COLABORA NO "I CAMPUS DE FÚTBOL E PÁDEL" QUE SE CELEBRARÁ A PARTIR DO 2 DE XULLO
UNHAS 120 PERSOAS PARTICIPARÁN NA "II CARREIRA POPULAR DE ORIENTACIÓN CIDADE DE NARÓN"
MÁIS DE DUAS MIL PERSOAS PARTICIPARON NAS ANDAINAS DA TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal