Novas
 
O ADESTRADOR DO UNIVERSITARIO FERROL, LINO LÓPEZ AMADO, NOMEADO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2017"
A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregoulle o premio no transcurso da "XXIX Gala do Deporte" celebrada no Pazo da Cultura
Narón, 24 de novembro de 2017. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, entregoulle esta noite ao adestrador do clube de baloncesto Universitario Ferrol, Lino López, o premio ao “Mellor deportista de Narón 2017”. Culminou con este recoñecemento a “XXIX Gala do Deporte de Narón”, que reuniu esta noite no Pazo da Cultura de Narón –a partir das 21.00 horas- a preto dun milleiro de persoas. A rexedora local estivo acompañada polo edil de Deportes, Román Romero, e por integrantes da corporación local naronesa, que con este evento rendiron xunto co público asistente unha homenaxe aos mellores deportistas do ano en diferentes modalidades. O director de Cadena Dial Rías Altas, Alfonso López, foi o encargado de presentar a gala e o xurado que valorou aos deportistas estivo integrado polos xornalistas José Valencia, Xan Morales, Alfonso López, Juan Quijano e Santiago Rey e polos licenciados en INEF José Sordo, José Luis Tuimil e Miguel Ángel López.
Lino López Amado, ferrolán de 41 anos, comezou a xogar ao baloncesto nos equipos Abeconsa Ferrol, Menorca Basket, Celso Míguez e Basquet Coruña, entre outros. No ano 2011 retírase como xogador para centrarse na súa faceta como adestrador no corpo técnico do Universitario Ferrol, donde en pouco tempo pasou a ser o adestrador principal e transcorridos dous anos no cargo ascendeu ao equipo á Liga Nacional Feminina, na que cumple a cuarta campaña consecutiva. Entre os seus logros está a xa histórica campaña 2016-2017, ao clasificarse o equipo para a Copa da Raíña en Girona e xogar as semifinais do Play Off polo título. Todos estes méritos, entre outros, fixeron a López Amado gañador do título ao “Mellor deportista de Narón 2017”.
O acto comezou cunha exhibición deportiva do Club Acordes Narón, á que seguíu un vídeo no que se resumiu a actividade deportiva da localidade durante a tempada 2016-2017. Ao rematar a proxección, a alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, dirixiuse aos asistentes e deulles a benvida a este evento. Tivo a rexedora local palabras de agradecemento para os deportistas das diferentes modalidades e tamén para as adestradoras e adestradores; os clubes deportivos, as familias dos deportistas e o persoal do Servizo Municipal de Deportes de Narón. “As nomeadas e nomeados a estes premios merecedes todo o noso recoñecemento”, subliñou a alcaldesa, que recoñeceu a ardua labor do xurado para elixir aos gañadores. Ferreiro destacou o compromiso do Concello de Narón co deporte, recordando que nos últimos tres anos se investiron uns seis millóns de euros nesta área, e confirmou o compromiso do goberno local para o vindeiro ano, con dous millóns máis para o Servizo Municipal de Deportes. Rematou a súa intervención a alcaldesa pedindo un aplauso para os deportistas naroneses, “as estrelas desta noite que, sen dúbida, desde as súas diversas disciplinas seguirán brillando nesta nova tempada, dándonos aínda máis motivos de orgullo que, por suposto, o próximo ano tamén celebraremos”.
A continuación membros da Comisión Informativa de Desenvolvemento Social entregaron os premios correspondentes ás modalidades de Atletismo, Baile deportivo e de competición, Baloncesto, Balonmán, Ciclismo, Colombofilia, Fútbol, Fútbol sala, Golf, Judo, Kárate, Natación e Natación sincronizada. Rematada esta entrega tivo lugar unha exhibición do Club Baile Deportivo Narón e, a continuación, a entrega dos galardóns de Pádel, Pesca, Piragüismo, Rallye-Slot, Remo, Silvestrismo, Tenis, Tenis de Mesa, Tiro con Arco, Triatlón, Voleibol, Xadrez e Ximnasia Rítmica.
O Club de Baile Deportivo Narón realizou unha nova exhibición e ao remate, o edil de Deportes, Román Romero, agradeceu tamén a labor das persoas “que fan posible a realidade do deporte naronés”. O concelleiro destacou o amplo tecido deportivo da cidade, valorando a súa diversificación, na que avanzou o compromiso do Concello de continuar traballando nesa liña. “Debemos continuar sumando realidades de máis persoas que fan deporte porque sabemos do gran beneficio que para as persoas e a comunidade supón a práctica deportiva”, asegurou. Romero recoñeceu sentirse orgulloso do Concello de Narón en xeral e do mundo do deporte en particular. “Teño vivido esta festa de hoxe desde moitas posicións e asumo que esta que agora me corresponde é a que leva consigo a obriga de facer o posible para que cadaquén de vós practique e disfrute o deporte ao que ten dereito”, subliñou.
A continuación o vicepresidente do Servizo Municipal de Deportes, Román Romero, entregou as Mencións Especiais –Mellor Promesa, Mellor Traxectoria Deportiva (dous premios), Mención Especial polos logros deportivos (tres recoñecementos), Mellor adestrador e Polo traballo, dedicación deportiva e humana ó longo de moitos anos no Concello. Por último, tivo lugar o recoñecemento oficial ao “Mellor deportista de Narón 2017”, Lino López Amado, que recibiu o premio de mans da alcaldesa, Marián Ferreiro, e para recordar este evento realizouse unha fotografía de familia no escenario do Pazo.


Descarga de archivos
Premiados na "XXIX Gala do Deporte de Narón"Tamaño:
135,52 KB
Descargar


Últimas noticias
O "XIV TROFEO CIDADE DE NARÓN DE TIRO CON ARCO" CELEBRARASE NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
MÁIS DE DOUSCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXV TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN. XV MEMORIAL JAVIER LAGO"
O ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO ACOLLERÁ O VINDEIRO DOMINGO O "XVI TROFEO DE ATLETISMO CIDADE DE NARÓN"
O ADESTRADOR DO UNIVERSITARIO FERROL, LINO LÓPEZ AMADO, NOMEADO "MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN 2017"
O SERVIZO MUNICIPAL DE DEPORTES ABRIU O PRAZO PARA INSCRIBIRSE NAS ACTIVIDADES DO PROGRAMA DEPORNADAL

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal