Concello de Narón
Novas
O PAVILLÓN POLIDEPORTIVO DA GÁNDARA ACOLLERÁ A "VII VELADA DE BOXEO CIDADE DE NARÓN"
A cita será o 5 de maio nas instalacións do pavillón polideportivo da Gándara, tal e como anunciou o concelleiro de Deportes, Román Romero
Narón, 27 de abril de 2018. A sétima edición da Velada de Boxeo Cidade de Narón celebrarase o vindeiro 5 de maio no pavillón polideportivo da Gándara. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou o evento acompañado por Francisco Porto, director técnico desta velada e Chano Planas, promotor e mánager de boxeo. A cita deportiva comezará ás 22.00 horas e constará dun total de oito combates, tal e como avanzou o edil naronés de Deportes. Os combates que se celebrarán esta velada son, apuntou Franscisco Porto, os de Yago Bessy vs. Neo Blanco; Goyo vs. Cristian Trujillo; Cristian Toledano, “Sentolo”, vs. Yoelvis Medina; Talía Muíño vs. Laura Méndez e, tras un descanso, retomaranse os combates con Daniel Regueira vs. Jacobo Patiño; Aitor Mayobre vs. Borja Porto; Olmo de Paz vs. Nuno Iongueira e, finalmente, un combate profesional de catro asaltos de tres minutos con Moncho Mirás vs. José Hernández. Precisamente sobre este último Chano Planas asegurou que se trata dun combate profesional –o resto serán amateur- e que representa a reaparición de Mirás, último campión de España que tivo Galicia e que retuvo o título en tres ocasións consecutivas. Mirás reaparece en Narón, explicou Planas, “para iniciar de novo o asalto ao título”. O Boxing Cidade de Lugo, o Planasbox, o Noia Boxing, o Clube Barbanza, e o Bunkai Ferrol, estarán presentes neste evento, ao que asisten recoñecidos profesionais cun importante palmarés en campionatos galegos e estatais, tal e como explicaron desde a organización. No acto de presentación do evento estiveron tamén hoxe Martiño Río, actual campión de España de Peso súper pesado; Daniel Regueira, campión galego de Promesas; Olmo de Paz, Campión Junior e de Clubes galego e Cristian Toledano, campión galego de Clubes. Porto e Planas agradeceron a colaboración do Concello de Narón neste evento e amosaron a súa confianza na boa resposta de público ao mesmo, “Estamos preparados para dar o mellor espectáculo deste deporte na nosa comunidade”, subliñou Porto. As persoas interesadas en asistir poden adquirir as entradas ata a véspera da velada nos establecementos Café bar Grandal (Freixeiro); Cervexería El Mercado (O Alto); Restaurante A Trasanquesa (Sedes); Cervexería Vinoteca A Quinta, California Eder, Australian Cervexería, Cambalache, La Suite, Nueva Orleáns, El Colonial e Café Latte (todos na Gándara) e no Café Bar A Zarra (Caranza). O prezo é de 15 euros para as cadeiras e 12 nas bancadas. O propio día da velada poderán adquirirse no pavillón polideportivo da Gándara. O concelleiro de Deportes, Román Romero, destacou a importancia de celebrar este evento na cidade e animou á veciñanza a asistir ao mesmo o vindeiro 5 de maio.
www.naron.es