Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA ÚLTIMA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
O concelleiro de Deportes, Román Romero, explicou que a convocatoria consistirá nunha caminata desde o antigo Concello de Xuvia ata a área recreativa de Pedroso, donde terá lugar un xantar de confraternidade
Narón, 4 de xuño de 2018. O programa municipal Ponte en ruta con nós rematará o vindeiro 1 de xullo, cunha última andaina que, como vén sendo habitual neste evento, se pechará cunha churrascada na área recreativa de Pedroso. As persoas que desexen asistir poden inscribirse desde hoxe, e ata o vindeiro 21 de xuño nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves entre as 10.00 e as 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas, tal e como recordou o concelleiro de Deportes, Román Romero. O prezo é de 15 euros para adultos e 7 para menores de ata 12 anos e inclúe o seguro de participante, o traslado en autobús e o xantar, a base de churrasco, paella, café e postre. Os camiñantes sairán a pé das inmediacións da antiga Casa do Concello, en Xuvia, ás 11.00 horas, e desprazaranse ata a área recreativa de Pedroso percorrendo a marxe do río Xuvia. Unha vez alí, asistirán a un xantar de confraternización. Desde a organización informouse de que ás 10.30 horas sairá un bus desde a área recreativa de Pedroso para aquelas persoas que queiran deixar alí a primeira hora os seus vehículos e realizar o percorrido, polo que o bus os levará ata o antigo Concello, en Xuvia, para sumarse ao grupo da camiñata. O percorrido de volta correrá a cargo dos participantes. Román Romero animou ás veciñas e veciños interesados en participar a anotarse nesta última andaina do programa, “para desfrutar dunha nova camiñata polo municipio naronés e celebrar conxuntamente cun xantar de confraternidade o éxito desta nova edición do programa municipal, no que ano tras ano se inscriben máis persoas, non só de Narón, senón tamén doutros concellos da zona, para coñecer o patrimonio da comarca”.
www.naron.es