Novas
 
O "XXXI RALLYE CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTA FIN DE SEMANA A 139 PARTICIPANTES
O Concello acolleu a presentación do evento, que se desenvolverá os días 22 e 23 de xuño na cidade e noutros concellos da comarca
Narón, 20 de xuño de 2018. O “Rallye Cidade de Narón” alcanza este ano a súa trixésimo primeira edición. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, Román Romero, e o presidente e director, respectivamente, do comité organizador, Antonio Sueiras e José Ramón Padín –Escudería Siroco Narón- presentaron esta mañá o evento xunto co responsable de prensa do Rallye, Pablo Villar, e o xefe de Seguridade, Brais Noval. O evento desenvolverase esta fin de semana na cidade, os días 22 e 23 e participarán no mesmo 139 pilotos de recoñecidas escuderías, tal e como avanzou a alcaldesa da cidade. Ferreiro agradeceu a labor realizada pola Escudería Siroco Narón para a organización deste evento deportivo.
O Rallye Cidade de Narón ten un formato de catro treitos de doble pasada, dúas pola mañá e as outras dúas pola tarde, tal e como indicaron desde a organización, desde donde destacaron que se trata de percorridos “de sobra coñecidos polos pilotos e a afección”. Eses tramos son os de Cerdido e Ferreira –pola mañá- e os de Vilaboa e Vilachave –pola tarde- e os traxectos dos mesmos oscilan entre os 11 e os 17 quilómetros, constando en total duns 111. “Trátase dun rallye complicado, con moitas rampas e cambios de ritmo que van marcar as diferencias entre os pilotos”, asegurou Villar, que apunta que o trunfo estará previsiblemente entre o trío formado por Víctor Senra, Iago Caamaño e Alberto Meira.
Entre as novidades desta edición, destacaron, está a participación de Ramiro González, piloto do Siroco, coa primeira actuación en Galicia co seu Citroen Xsara Kit Car, e tamén a do piloto Adrián Gil, do Siroco Narón, que alugou un potente vehículo para esta ocasión pero xa participou en anteriores edicións. En canto á asistencia, Padín apuntou tamén que por primeira vez acudirá o Suzuki oficial de Javier Pardo, que virá á cita a título persoal e cun coche antigo a modo de preparación de cara ao Rallye de Ferrol, indicou Padín, que o definiu ademais como “un claro candidato á victoria”.
O venres 22 os participantes na carreira poderán coller ritmo nun percorrido especial de 2,9 quilómetros, o que será, en palabras da organización, “un bo resumo do que se atoparán ao día seguinte”. Trátase dun treito de probas, cun trazado que se localizará na parroquia de Sedes, pola zona da Feira do Trece, e que terá lugar entre as 11.00 e as 13.00 horas, tal e como explicou o presidente da Escudería Siroco Narón.
Desde a Escudería agradeceron a colaboración do Concello de Narón e tamén do resto de municipios da zona que se implicaron neste evento deportivo. “Queremos dar as grazas a tódolos concellos que nos permiten utilizar as súas pistas para poder realizar estas probas, e tamén pedir desculpas polas molestias que poida ocasionar aos veciños”, asegurou Padín. En canto á seguridade, a asistencia médica estará cuberta con dúas ambulancias por tramo cun médico e un técnico sanitario en cada un deles.
O edil de Deportes de Narón, Román Romero, felicitou tamén á Escudería Siroco Narón pola súa labor e convidou ás persoas de Narón e doutros concellos a acudir a esta cita deportiva, unha das máis consolidadas no calendario naronés.
As persoas interesadas poden consultar toda a información relativa a este evento deportivo –detalles dos diferentes tramos, participantes- a través da páxina web: www.rallyenaron.org.



Últimas noticias
O "XXXI RALLYE CIDADE DE NARÓN" REUNIRÁ ESTA FIN DE SEMANA A 139 PARTICIPANTES
O CONCELLO CELEBRARÁ O VINDEIRO DÍA 30 DE XUÑO NA GÁNDARA A FESTA DO DEPORTE
O CONCELLO COLABORA NO "I CAMPUS DE FÚTBOL E PÁDEL" QUE SE CELEBRARÁ A PARTIR DO 2 DE XULLO
UNHAS 120 PERSOAS PARTICIPARÁN NA "II CARREIRA POPULAR DE ORIENTACIÓN CIDADE DE NARÓN"
MÁIS DE DUAS MIL PERSOAS PARTICIPARON NAS ANDAINAS DA TERCEIRA EDICIÓN DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal