Concello de Narón
Novas
O CONCELLO INICIA ESTE MES AS ANDAINAS DA CUARTA EDICIÓN DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS"
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron o calendario de andainas, que se desenvolverá entre este mes e xuño de 2019
Narón, 3 de outubro de 2018. O Concello de Narón organiza unha nova edición, a cuarta, do programa municipal Ponte en ruta con nós. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, Román Romero, presentaron esta mañá o calendario de saídas, que se iniciará o vindeiro 28 de outubro e rematará o 30 de xuño. Tanto Ferreiro como Romero animaron ás veciñas e veciños de Narón e comarca a participar nestas andainas, e indicaron que o prazo de inscrición na primeira delas, que será unha volta á ría, abrirase mañá. “O éxito deste programa municipal temos que agradecerllo moi especialmente a tódalas persoas que ano tras ano participan nas caminatas e tamén aos colaboradores”, asegurou Ferreiro. A alcaldesa incidiu en que “con este tipo de propostas apostamos por fomentar a actividade física entre a cidadanía e, ao mesmo tempo, dar a coñecer a riqueza do patrimonio da nosa cidade e tamén doutros concellos da comarca”. A primeira das saídas será o 28 de outubro, co punto de partida no pavillón polideportivo da Gándara ás 9.45 horas. O edil de Deportes explicou que se trata dun percorrido de aproximadamente quince quilómetros, que discurrirá polo termo municipal naronés en boa parte pero tamén polos de Neda e Fene. “Sairemos do pavillón cara ao mosteiro do Couto para desde ahí dirixirnos ao paseo marítimo de Xuvia e cruzando á zona de Neda ata o paseo de San Valentín, en Fene, para atravesar a pé a ponte das Pías e regresar de novo ao pavillón da Gándara”, apuntou Romero. As vindeiras andainas programadas, avanzaron, serán o 25 de novembro polo Río Castro e o Castelo de Narahío; o 27 de xaneiro polo Castelo da Palma e ata o mosteiro de Santa Catalina, en Mugardos e Ares, respectivamente; o 24 de febreiro pola Ruta dos Muíños, en Esmelle (Ferrol); o 31 de marzo a Ruta do Belelle (A Capela e Neda); o 28 de abril a Ruta das Praias, de Covas a Prioriño (Ferrol) e o 26 de maio a Ruta das Fragas da Ribeira (As Pontes). A maiores, ao igual que nas anteriores edicións, programouse unha andaina para pechar o programa, que terá lugar o día 30 de xuño e que rematará cunha comida de confraternidade na área recreativa de Pedroso. O prazo de inscrición para cada unha das rutas abrirase –salvo posibles cambios ou como no caso desta primeira saída- o primeiro día hábil de cada mes no que se realiza. As persoas interesadas deben anotarse no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas. O prezo das inscricións é de tres euros, que se abonan no momento da inscrición.
www.naron.es