Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA ASINA CONVENIOS DE COLABORACIÓN COA ESCOLA SUPERIOR DE KÁRATE DE NARÓN, A ASOCIACIÓN LEDICIA CATIVA E O CENTRO DE RECURSOS SOLIDARIOS
O goberno que preside Marián Ferreiro destina unha partida global de 25.000 euros á rúbrica destes acordos
Narón, 29 de outubro de 2018. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou esta mañá os convenios do Concello co presidente da Escola Superior de Kátate de Narón, Gustavo Vázquez, e co vivepresidente da asociación Ledicia Cativa, José Manuel Borrajo. Ao primero dos actos asistiu tamén o concelleiro de Deportes, Román Romero, se ben no segundo a rexedora local estivo acompañada pola concelleira de Acción Social, Catalina García. A Escola Superior de Kárate promociona e fomenta este deporte na cidade e organiza campionatos e outros eventos en virtude a este convenio. Entre os máis inmediatos están dous Talleres de Autodefensa para mulleres, que se celebrarán o vindeiro mes de novembro e para o que xa están esgotadas todas as prazas. Corenta alumnas recibirán da man de profesores da Escola Superior de Kárate de Narón unha formación básica –nas instalacións do colexio Santiago Apóstol- que lles permitirá defenderse no caso de ser preciso. O segundo dos convenios asinados esta mañá, coa ONG Ledicia Cativa, permite traer á cidade cada ano a un grupo de menores procedentes de Chernóbil para pasar parte do verán con familias de acollida. Así mesmo, a finais da pasada semana a alcaldesa rubricaba tamén un convenio co presidente do Centro de Recursos Solidarios de Narón, para contribuír á prestación do servizo destas instalacións, desde as que se axuda ás familias con escasos recursos. En virtude ao mesmo tamén se organizan diversos eventos ao longo do ano encamiñados a recadar alimentos non perecedoiros, roupa e xoguetes –estes últimos para a campaña Operación Xoguetes, no Nadal- para as persoas que acoden ao Centro de Recursos Solidarios de Narón. Este acordo asinouno a alcaldesa, Marián Ferreiro, co presidente da asociación, José Manuel González, nun acto ao que tamén asistiu a concelleira de Acción Social, Catalina García. Os representantes das tres entidades coas que se asinaron os convenios a finais da semana pasada e esta mesma mañá agradeceron a colaboración prestada desde o Concello de Narón, que economicamente supón ás arcas locais un desembolso conxunto de 25.000 euros. Pola súa banda, a alcaldesa e os edís de Deportes e Acción Social destacaron o traballo que realizan e animáronas a continuar desenvolvendo o seu labor tal e como viñeron facendo ata o de agora, comprometendo a colaboración do Concello.
www.naron.es