Novas
 
MÁIS DE 250 PERSOAS PARTICIPARON NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL PONTE EN RUTA CON NÓS
A vindeira camiñata deste programa municipal terá lugar o vindeiro mes de xaneiro
Narón, 25 de novembro de 2018. Un total de 269 persoas asistiron esta mañá a unha nova andaina –a segunda- da cuarta edición do programa municipal “Ponte en ruta con nós”. Os camiñantes saíron ás 9.30 horas do Pavillón polideportivo da Gándara cara á zona do Río Castro, desde donde se desprazaron a pé ata o Castelo de Narahío (no concello de San Sadurniño). A ruta, duns once quilómetros, realizárona nunhas dúas horas e media, desfrutando da paisaxe e realizando exercicio físico, dous dos obxectivos desta iniciativa do Concello.
A vindeira camiñata terá lugar no mes de xaneiro, o día 27, e discurrirá polos termos municipais de Mugardos e Ares, concretamente entre o Castelo da Palma e o Mosteiro de Santa Catalina. Os participantes sairán en autobús ás 9.00 horas do Polideportivo da Gándara e realizarán, nun tempo estimado dunhas tres horas, unha ruta duns catorce quilómetros e cunha dificultade calificada como media/alta.
As persoas interesadas en asistir á vindeira andaina poderán anotarse a partir do día 2 de xaneiro no Complexo Polideportivo da Gándara, de luns a xoves en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres 9.00 a 13.00. O prezo da inscrición é de tres euros, unha cantidade coa que se sufragan os gastos de desprazamento en autobús desde o polideportivo da Gándara ata o punto de inicio de cada camiñata.
O programa municipal “Ponte en ruta con nós” iniciouse nesta cuarta edición o pasado 28 de outubro, e rematará o día 30 de xuño. Cada mes, excepto en decembro, programouse unha ruta pola comarca que permitirá, de aquí ao final do calendario de saídas deseñado, participar en andainas como a Ruta dos muíños, en Esmelle (Ferrol); a do Belelle (A Capela); a das Praias de Covas a Pioriño (Ferrol); a das Fragas da Ribeira (As Pontes) e, finalmente, a do río Xuvia ata o muíño de Pedroso.



Últimas noticias
MÁIS DE 250 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO SÁBADO NO XXVI TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN
ALCIA FERNÁNDEZ FRAGA, PREMIADA COMO MELLOR DEPORTISTA DE NARÓN DO ANO 2018
MÁIS DE 250 PERSOAS PARTICIPARON NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL PONTE EN RUTA CON NÓS
O CONCELLO COLABORA NO "I OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO PROGRAMA MUNICIPAL DEPORNADAL 2018

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal