Novas
 
MÁIS DE TRESCENTAS PERSOAS PARTICIPARÁN O VINDEIRO DOMINGO NO "I CROSS POPULAR MUÍÑO DE PEDROSO"
O Concello e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón organizan este evento deportivo, a través do que tamén se dará a coñecer un tramo da Ruta dos Muíños
Narón, 16 de xaneiro de 2019. O Concello de Narón e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón organizan a primeira edición do “Cross Popular Muíño de Pedroso” en colaboración coa delegación en Ferrol da Federación Galega de Atletismo. Os concelleiros de Deportes e Turismo, Román Romero e Natalia Hermida, respectivamente, e o presidente da AD Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron esta mañá o evento, que terá lugar o vindeiro domingo, día 20, en Pedroso. Un total de 329 persoas, de diferentes idades, participarán nesta cita, que se convoca coa finalidade de promover o deporte e tamén para dar a coñecer o patrimonio da cidade, neste caso concreto da parroquia de Pedroso.
Na categoría absoluta masculina inscribíronse 163 persoas e na feminina 59, se ben na de menores están rexistrados un total de 107 rapaces e rapazas. O punto de saída establecerase nas inmediacións da área recreativa de Pedroso tendo lugar a da categoría absoluta masculina ás 13.30 horas e a feminina ás 12.55 horas. As distancias a percorrer son as establecidas en cada caso para este tipo de probas desde a Federación Galega de Atletismo. As carreiras dos menores de idade comezarán ás 11.00 horas. Os tres primeiros clasificados de cada categoría (Sub 10, Sub 12, Sub 14 e Sub 16, masculino e feminino) recibirán unha medalla; os tres primeiros da absoluta masculina e da absoluta feminina un obsequio ou trofeo e os da Sub 8 unha medalla pola súa participación. O presidente da AD Náutico de Narón agradeceu a colaboración do Concello para poder convocar este evento na cidade, confiando en que poida ter continuidade con vindeiras edicións.
A celebración deste cross implica unha serie de restricións de tráfico na zona na que se desenvolverá, tal e como se anunciou desde o Speis de Narón. Na ponte que pasa sobre a autovía en dirección ao muíño de Pedroso estará restrinxido o acceso a pé e habilitaranse unha serie de áreas de estacionamento –a uns 500 metros da zona do evento- que poderán utilizar tanto as persoas que participen no cross como os seus acompañantes. O acceso será a pé desde as zonas habilitadas para establecer medidas de seguridade e permitir o acceso a ambulancias e bombeiros en casos de emerxencia, polo que só poderán acceder con vehículos os corpos de seguridade, persoal médico da proba, bombeiros, Protección Civil e representantes da organización.
A concelleira de Turismo, Natalia Hermida, destacou que o evento “supón unha magnífica oportunidade para coñecer unha das rutas turísticas da cidade, como nesta ocasión un tramo da dos Muíños, apostando así pola súa posta en valor desde o goberno local”. Pola súa banda, o edil de Deportes destacou a elevada participación nesta primeira edición do Cross Popular Muíño de Pedroso e convidou á cidadanía a desfrutar do mesmo desde os espazos habilitados para tal fin, atendendo en todo momento ás indicacións da organización.



Últimas noticias
O CONCELLO COLABORA COA REAL FEDERACIÓN GALEGA DE FÚTBOL E A SDCR NARÓN-O FREIXO NA ORGANIZACIÓN DUN CURSO DE MONITOR DE FÚTBOL SALA
O CAMPIONATO GALEGO DE TENIS DE MESA CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO PAVILLÓN CAMPO DA SERRA
DEPORTISTAS DE QUINCE EQUIPOS GALEGOS PARTICIPÁRÁN NO XXII TROFEO DE BATEIS CIDADE DE NARÓN
MÁIS DE DUASCENTAS PERSOAS ASISTIRON A UNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
O CAMPO DE SINDE ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO O "IV TORNEO FEMININO DE FÚTBOL CONCELLO DE NARÓN"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal