Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO DUATLÓN CIDADE DE NARÓN QUE SE CELEBRARÁ NA CIDADE O 3 DE MARZO
A alcaldesa, Marián Ferreiro, o edil de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, presentaron o evento, puntuable para o campionato de España
Narón, 20 de febreiro de 2019. A alcaldesa, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, deron a coñecer esta mañá o programa do Duatlón Cidade de Narón, clasificatorio para o campionato de España, tal e como apuntou a alcaldesa. A cita, explicou Ferreiro, terá lugar o vindeiro 3 de marzo con saída e meta na rúa Camiño da Praia –que comunica o Centro Comercial Odeón co pavillón polideportivo da Gándara-, e conta coa colaboración das Federacións Española e Galega de Triatlón. O presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero, explicou que o evento constará de tres probas, unha de élite, clasificatoria para o campionato de España, á que acudirá xente de varios concellos do país; outra a nivel galego e unha terceira para promocionar o duatlón para menores de 10 e 11 anos. A proba de élite masculina sairá ás 12.00 horas, a feminina ás 12.05 e a de prebenxamíns ás 11.45. A carreira a pé será na zona da Gándara, polas inmediacións do Centro Comercial Odeón, e o percorrido en bici pola zona da Trincheira, “nun circuíto espectacular donde se poderán alcanzar grandes velocidades debido ao trazado”, según avanzou Guerrero. O percorrido dos prebenxamíns sairá tamén das inmediacións do Centro Comercial Odeón. A alcaldesa avanzou que o prazo de inscrición rematará o vindeiro martes, 26 de febreiro, e animou ás veciñas e veciños da cidade e doutros concellos a apuntarse, a través da Federación Galega de Triatlón –www.fegatri.com- ou da Agrupación Deportiva Náutico de Narón –www.nauticonaron.com- e desfrutar do evento competindo ou como público, animando aos deportistas. Ferreiro agradeceu o esforzo do clube naronés na organización deste evento e tamén o traballo que realiza na cidade. Pola súa parte, Guerrero, destacou a colaboración e confianza prestadas desde o Concello e as Federacións Española e Galega de Triatlón, para a organización deste evento.
www.naron.es