Novas
 
UNS 350 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO XVIII TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIDADE DE NARÓN
O pavillón polideportivo da Gándara acollerá este evento o sábado pola tarde e o domingo todo o día, no que se inclúen a Copa Promoción Zona Norte e o Campionato Galego de Latinos
Narón, 9 de maio de 2019. O pavillón polideportivo da Gándara acollerá esta fin de semana, o sábado e o domingo, a décimo oitava edición do Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón, a Copa Promoción Zona Norte e o Campionato Galego de Latinos. Uns 350 deportistas chegados de diferentes clubs galegos –no caso da Copa Promoción Zona Norte tamén doutras Comunidades- confirmaron a súa asistencia a esta convocatoria, presentada esta mañá pola alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, o concelleiro de Deportes, Román Romero, e Sandra García, do Club Baile Deportivo Narón. As entradas para o evento poden recollerse na entrada do pavillón polideportivo da Gándara.
No XVIII Trofeo de Baile Deportivo Cidade de Narón disputaranse catro disciplinas: Danza Coreográfica, Bailes Caribeños, Standard e Latino. Na xornada do sábado, entre as 17.45 e as 19.45 horas será o turno das modalidades de Danza Coreográfica e Bailes Caribeños, tal e como explicou Sandra García. Así mesmo, a representante do Club Baile Deportivo Narón avanzou que na xornada do domingo a competición desenvolverase todo o día. Entre as 10.30 e as 11.39 horas será o turno das disciplinas Standard e Copa Promoción Standard; entre as 11.59 e as 14.23 o de Latino e Copa Promoción Latino; de 15.08 a 19.08 celebrarase o Campionato Galego de Latinos e entre as 19.23 e as 20.40 será o turno de Latinos, nas categorías C, B e A.
Un total de sete xuíces, dous internacionais e cinco nacionais, encargaranse de valorar aos participantes nas diferentes disciplinas, de cara a determinar as clasificacións finais en cada unha delas.
García agradeceu a colaboración do Concello de Narón para poder desenvolver un ano máis este evento deportivo, que reúne cada ano a profesionais e aficionados ao baile deportivo. Pola súa banda, o edil de Deportes destacou a elevada participación, con máis de cen parellas e 350 deportistas, neste trofeo.
A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, destacou o traballo que realiza o Club de Baile Deportivo Narón na cidade, con recoñecementos a nivel autonómico e nacional, sendo o que conta con maior número de licencias de España. Así mesmo, a rexedora animou á veciñanza de Narón e doutros concellos a achegarse esta fin de semana ao pavillón polideportivo da Gándara para poder gozar deste evento deportivo.



Últimas noticias
O CAMPO DE SINDE ACOLLERÁ O VINDEIRO SÁBADO O "IV TORNEO FEMININO DE FÚTBOL CONCELLO DE NARÓN"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
UNS 350 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NO XVIII TROFEO DE BAILE DEPORTIVO CIDADE DE NARÓN
O CAMPO DE FÚTBOL MUNICIPAL DE SINDE ACOLLE O CAMPIONATO GALEGO DE SELECCIÓNS COMARCAIS
O CONCELLO PON EN SERVIZO A TERCEIRA PISTA MULTIDEPORTE DA CIDADE NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal