Novas
 
O CONCELLEIRO DE DEPORTES DESPRAZOUSE AO ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO CON MOTIVO DAS OLIMPÍADAS CONFURCO 2019
O Concello e o Club de Atletismo Narón colaboran nesta iniciativa impulsada a través da Asociación Ferrolterra de Drogodependencia (Asfedro)
Narón, 29 de agosto de 2019. O concelleiro de Deportes de Narón, José Oreona, desprazouse esta mañá ao Estadio Municipal de Río Seco con motivo do inicio das Olimpíadas Confurco 2019 organizadas pola Asociación Ferrolterra de Drogodependencia (Asfedro) e nas que colabora o Concello naronés. O edil estivo coa presidenta de Asfedro, Sari Alabau, coa Educadora social da entidade, Rebeca Graña, e con Miguel Soto, presidente do Club Atletismo Narón, que colabora tamén nesta iniciativa encamiñada a promocionar o deporte como recurso para recuperar hábitos de vida saudables.
Na xornada de hoxe, a partir das 10.00 horas, catorce persoas da comunidade de Asfedro realizaron adestramentos de atletismo no Estadio municipal de Río Seco. Tras uns exercicios iniciais os rapaces e rapazas iniciaron as competicións, implicándose nesta actividade deportiva que continuará nos vindeiros días con outras propostas –voleibol, fútbol sala e baloncesto- dirixidas ao colectivo e que se levarán a cabo nas instalacións da citada entidade. A maiores de atletismo, os rapaces e rapazas practicaron tamén en Río Seco as modalidades de salto de lonxitude e lanzamento de peso. A última hora da mañá Oreona entregou medallas a tódolos participantes na actividade de hoxe.
Na xornada de mañá terá lugar unha competición de fútbol sala, o día 3 de setembro outra de baloncesto –ambas a partir das 10.00 horas en Asfedro- e o mércores da vindeira semana, día 4, serán as Olimpíadas culturais, coa entrega de medallas e diplomas aos participantes.
Oreona destacou “a importante labor que dende Asfedro se está levando a cabo entre a comunidade” e incidiu en que “dende o goberno local continuaremos apoiando iniciativas encamiñadas a respaldar a este colectivo e a fomentar a práctica deportiva” e puxo a disposición do colectivo as instalacións municipais para continuar realizando actividades como as Olimpíadas Confurco 2019.



Últimas noticias
O CONCELLEIRO DE DEPORTES DESPRAZOUSE AO ESTADIO MUNICIPAL DE RÍO SECO CON MOTIVO DAS OLIMPÍADAS CONFURCO 2019
UN TOTAL DE TRINTA E SEIS EQUIPOS PARTICIPARÁN NO "VI TORNEO INTERNACIONAL DE FÚTBOL CIDADE DE NARÓN "NARÓN-FREIXO"
O CONCELLO COLABORA CO CLUB NHD ADVENTURE NA ORGANIZACIÓN DA "II QUEDADA NHD ADVENTURE"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "II OPEN DE PADEL EN CADEIRA-CIDADE DE NARÓN"
ALGO MÁIS DE MEDIO CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "X CAMPIONATO DE TENIS DE MESA POLA SAÚDE MENTAL"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal