Novas
 
O CONCELLO RETOMARÁ ESTE MES O PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS" CUNHA ANDAINA CIRCULAR POLO TERMO MUNICIPAL NARONÉS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá o programa, que inclúe oito rutas ata xuño de 2020
Narón, 11 de outubro de 2019. O Concello de Narón porá en marcha a finais deste mes a quinta edición do programa municipal "Ponte en ruta con nós". A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron o calendario de camiñatas que se levarán a cabo ata o mes de xuño do vindeiro ano, un total de oito. Ferreiro recordou o éxito que ano tras ano acada esta iniciativa municipal “que xa está máis que consolidada na nosa cidade grazas á excelente resposta das nosas veciñas e veciños e tamén de xente doutros concellos que asiste ás andainas, nas que esgotamos sempre as prazas, e aos que animamos a participar nas programadas tamén nesta nova edición”.
A primeira das saídas terá lugar o domnigo 27 de outubro e consistirá nun percorrido circular por Narón, con saída ás 9.15 horas do Pavillón polideportivo da Gándara e por tramos do Camiño Inglés, chegando ao mosteiro do Couto, a rúa Cornido, o muíño das Aceñas, o paseo de Xuvia, A Picota e o parque do Couto para chegar novamente ao pavillón. Trátase dun percorrido duns doce quilómetros de dificultade baixa e para o que as persoas que o desexen poderán anotarse a partir do vindeiro luns, día 14.
O domingo 24 de novembro realizarase unha camiñata dende Pena Molexa ata o Monte da Lagoa, tamén duns doce quilómetros, de dificultade media-alta e con saída dende a Cooperativa do Val.
As andainas, tralo parón de decembro, retomaranse en xaneiro do vindeiro ano, concretamente o día 26, cunha nova ruta por zonas de Ares e Chanteiro, de 11,5 quilómetros e de dificultade media, con saída prevista dende Chanteiro. O 23 de febreiro os camiñantes partirán dende O Confurco polos montes de Brión e a zona do Confurco, uns trece quilómetros de dificultade alta. En marzo, o día 29 a camiñata será circular, por Covas e Cabo Prior, de 13,5 quilómetros e de dificultade media, con saída dende As Cabazas e o 26 de abril o percorrido, de dez quilómetros, será pola zona da central eléctrica da Capela e a zona de Caaveiro, cunha dificultade media-alta.
As dúas últimas andainas da quinta edición do programa municipal "Ponte en ruta con nós" serán o 31 de maio, polo monte das Louseiras, que se realizará por vez primeira, de once quilómetros e dificultade alta e finalmente o domingo 21 de xuño rematarán coa tradicional andaina de fin de programa, dende o mosteiro do Couto ata a área recreativa de Pedroso, por un tramo duns 10,5 quilómetros e de dificultade baixa.
O concelleiro de Deportes explicou que agás na primeira das andainas, os participantes serán trasladados en autobús dende o pavillón polideportivo da Gándara ao punto de inicio da ruta e, unha vez rematado o percorrido, regresarán de novo en bus ata o pavillón da Gándara. Unha das novidades deste ano é tamén, tal e como indicou Oreona, que “a partir do mes de novembro o prazo de inscrición nas andainas, que se realizará nas oficinas do pavillón polideportivo da Gándara, abrirase o día 10 do mes de cada unha delas excepto este mes de outubro”.
Os formularios de inscrición –o prezo é de tres euros- están dispoñibles no pavillón polideportivo da Gándara, donde se poden tramitar de luns a xoves, en horario de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas.
A alcaldesa de Narón subliñou que “con este programa dende o Concello impulsaremos un ano máis a práctica do deporte ao aire libre, evitando deste xeito o sedentarismo e fomentando ao mesmo tempo o patrimonio natural e arquitectónico tanto de Narón como doutros concellos da comarca”.


Descarga de archivos
Programa "Ponte en ruta con nós"Tamaño:
3,72 MB
Descargar


Últimas noticias
O CLUB DE GOLF CAMPOMAR ACOLLERÁ ESTA FIN DE SEMANA O "XIV TORNEO DE GOLF CIDADE DE NARÓN"
MÁIS DUN CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARÁN NO "XVI TROFEO DE TIRO CON ARCO CIDADE DE NARÓN"
PRESENTADA ESTA MAÑÁ NO CONCELLO A ´XXVII EDICIÓN DO TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN´
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA "CAMPAÑA DE INVERNO 2020" DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA
O CONCELLO ACOLLEU ESTA MAÑÁ A PRESENTACIÓN DO "XXXIV MEMORIAL ADOLFO ROS-VOLTA Á RÍA"

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal