Concello de Narón
Novas
UN TOTAL DE 250 PERSOAS PARTICIPARON HOXE NUNHA NOVA ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Os camiñantes percorreron un tramo entre Ares e a zona de Chanteiro duns once quilómetros e dun grao de dificultade media
Narón, 26 de xaneiro de 2020. O programa municipal “Ponte en ruta con nós” retomouse hoxe coa primeira andaina deste ano, na que se inscribiron 250 persoas. Os participantes percorreron a zona de Ares-Chanteiro, pola marxe costeira, desfrutando da paisaxe do municipio por un tramo duns once quilómetros e de dificultade media. A saída tivo lugar sobre as 8.50 horas dende as inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara, dende donde partiu o autobús que levou aos camiñantes ata o punto de inicio da andaina, en Ares, e de regreso dende Chanteiro ata a Gándara. O día 23 de febreiro será a próxima camiñata deste programa –a cuarta desta edición- que discurrirá pola zona dos montes de Brión e O Confurco, no veciño municipio de Ferrol. Este percorrido, cunha dificultade alta, é de aproximadamente trece quilómetros e o punto de encontro será de novo nas inmediacións do pavillón polideportivo da Gándara, tal e como recordou o concelleiro de Deportes, José Oreona. As persoas interesadas asistir a esta nova andaina do programa “Ponte en ruta con nós” poden anotarse a partir do vindeiro 10 de febreiro no pavillón polideportivo da Gándara, de luns a xoves, entre as 9.30 e as 13.00 e de 16.30 a 18.30 e os venres de 9.00 a 13.00 horas nas oficinas do polideportivo da Gándara. No momento de inscribirse é preciso abonar unha cuota de tres euros, co fin de pagar os desprazamentos en autobús ata o punto de inicio da ruta e tamén de regreso ao pavillón da Gándara. A práctica do exercicio ao aire libre, erradicar o sedentarismo, e dar a coñecer o contorno natural de Narón e comarca forman parte dos obxectivos deste programa municipal, sobre o que se pode obter toda a información a través das páxinas web: www.naron.es e www.padroadodeportesnaron.com
www.naron.es