Concello de Narón
Novas
MÁIS DE 300 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE SÁBADO NO CAMPIONATO GALEGO PREBENXAMÍN, BENXAMÍN E ALEVÍN DE VOLEIBOL
A cita deportiva terá lugar nos pavillóns municipais da Solaina e Campo da Serra e comezará ás 9.30 horas
Narón, 11 de febreiro de 2020. O concelleiro de Deportes, José Oreona, a secretaria do Club de Voleibol Narón Volea, Eva Romero e o presidente da Federación Galega de Voleibol, José Ángel Luna, presentaron hoxe no Concello o Campionato Galego Prebenxamín, Benxamín e Alevín de Voleibol que se disputará este sábado, día 15, nos pavillóns municipais da Solaina e Campo da Serra. Máis de trescentos deportistas de medio centenar de clubs de toda Galicia participarán neste evento deportivo, que dará comezo ás 9.30 horas. O presidente da Federación Galega de Voleibol agradeceu ao Concello de Narón o feito de que “acolla esta fase do campionato galego aquí en Narón” e ao club Narón Volea “ofrecerse a organizala”. Luna explicou que o sábado se disputará a segunda fase do campionato galego Benxamín, organizado por primeira vez neste formato, e Alevín. Ademais o Prebenxamín é o primeiro para o que a Federación Galega organiza competición nesta categoría. “Estamos moi contentos pola acollida deste evento, no que participarán máis de trescentos rapaces e rapazas, o que o convertirá nunha festa do voleibol de base, que para nós é moi importante ter equipos na élite pero sabemos que o fundamental é traballar coa base e cos rapaces e rapazas que son os que nos van garantir que no futuro poidamos continuar tendo voleibol”, recalcou José Ángel Luna. A secretaria do Club Narón Volea valorou o respaldo do Concello de Narón e da Federación Galega de Voleibol para organizar este campionato. Finalmente, o concelleiro de Deportes agradeceu o traballo que durante toda a tempada organiza o Narón Volea e tamén a sua implicación na organización deste campionato. Así mesmo, Oreona animou á cidadanía a acudir aos pavillóns para poder desfrutar deste evento deportivo e do traballo destes xogadores e xogadoras de voleibol que serán a élite do futuro.
www.naron.es