Concello de Narón
Novas
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NA CARREIRA E ANDAINA "EN MARCHA POLA IGUALDADE CIDADE DE NARÓN" ORGANIZADA POLO CONCELLO CON MOTIVO DO 8-M
O edil de Deportes, José Oreona, recordou que o vindeiro 22 de marzo haberá carreiras para diferentes categorías e unha andaina
Narón, 4 de marzo de 2020. As persoas interesadas en participar na carreira e andaina "En marcha pola Igualdade Cidade de Narón” organizada polo Concello de Narón, a través do Padroado de Deportes, poden facelo dende hoxe –e ata o 19 de marzo- nas modalidades de carreira e andaina a través da páxina: www.carreirasgalegas.com. Así o anunciou o concelleiro de Deportes, José Oreona, que recordou que a cita terá lugar o domingo 22 de marzo a partir das 10.00 horas (para menores, con tramos de 0,10; 1 e 2 quilómetros) e das 10.45 horas (carreira absoluta e andaina, de 5 quilómetros). A inscrición é de balde e a proba terá un límite de inscrición de 1.000 persoas (nas dúas modalidades), tal e como apuntou Oreona. O evento enmárcase nos actos organizados polo Concello con motivo do 8-M, Día Internacional da Muller. A saída e chegada do percorrido das carreiras e andainas nas categorías absolutas será de cinco quilómetros, partindo da Praza da Gándara e coa chegada nese mismo punto tras percorrer varias rúas do citado barrio. Ás 10.00 horas sairán as categorías Infantil (Sub 14) e a Cadete (Sub 16); ás 10.15 será o turno das de Alevín (Sub 12) e Benxamín(Sub 10); ás 10.25 a dos Prebenxamíns e ás 10.45 as da Absoluta (para nados de 2004 en adiante) e andaina, podendo participar nesta última persoas de tódalas idades. Os chips e dorsais poderán recollerse o sábado 21 no pavillón da Gándara, de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00 horas e tamén o domingo entre as 8.30 e as 9.30 nun posto que se habilitará para tal fin na Praza da Gándara, avanzou Oreona, que animou ás veciñas e veciños a sumarse a este evento a prol da igualdade.
www.naron.es