Os acordos rubricados por Marián Ferreiro permitirán continuar promocionando diferentes actividades deportivas na cidadeNarón, 18 de decembro de 2020. A alcaldesa, Marián Ferreiro, asinou os convenios de colaboración coa presidenta do Club Cidade de Narón de Fútbol Sala, Almudena Fariña, co presidente do Club Balonmán Narón, Rubén Fernández, e co do Club de Remo Narón, Martín Martínez, este último de xeito telemático. No acto de sinatura estivo tamén presente o concelleiro de Deportes, José Oreona.
A promoción e o fomento do fútbol sala, o balonmán, e o remo, así como a participación en campionatos destas especialidades é o obxectivo dos acordos rubricados pola rexedora local e os representantes dos clubs locais. Estes últimos agradeceron a colaboración brindada un ano máis dende o Consistorio naronés para continuar desenvolvendo estas actividades e promocionando o deporte dentro e fóra da cidade.
Pola súa parte, Ferreiro incidiu en que “dende o goberno local de Narón continuamos mantendo un firme compromiso co amplo tecido deportivo deste concello, que tanto traballo realiza ao longo do ano con persoas de diferentes idades e ofrecendo unha gran variedade de modalidades entre as que poder elixir”. A alcaldesa desexou a todos os clubs locais “moitos éxitos na actual tempada” e recalcou que “dende o goberno local continuaremos apoiando o voso labor na medida do posible e tamén gozando de cada un dos vosos éxitos”.
|