Concello de Narón
Novas
O CONCELLO REFORZA AS MEDIDAS DE PREVENCIÓN PARA QUE DEPORTISTAS FEDERADOS CONTINÚEN ADESTRANDO EN INSTALACIÓNS MUNICIPAIS
As medidas permiten adaptarse ás últimas normas recollidas no Diario Oficial de Galicia de onte con motivo das novas restricións a nivel autonómico
Narón, 27 de xaneiro de 2021. O Padroado de Deportes aplica dende hoxe unha reestructuración sobre o uso das instalacións deportivas municipais para adaptalo ás medidas recollidas no Diario Oficial de Galicia publicado onte á noite con motivo das novas restricións pola Covid-19. Atendendo a esas indicacións que estarán en vigor durante as tres vindeiras semanas en toda a Comunidade autónoma, os clubs que teñan federados/as inscritos en competicións nacionais xa calendadas poderán facer uso das instalacións municipais co debido xustificante da Federación correspondente. Dende o Padroado de Deportes elaboráronse unha serie de normas para garantir a continuidade do traballo de clubs e deportistas que vaian participar en competicións de ámbito nacional. Estas normas priorizan a seguridade e teñen como obxectivo facer posible que os deportistas locais poidan prepararse nas instalacións municipais para as citadas competicións. O reforzo das medidas preventivas para detectar síntomas compatibles coa Covid-19 antes de acceder ás instalacións deportivas; o das medidas hixiénicas xa incluídas nos protocolos en vigor; a redución das ocupacións máximas das instalacións para que a interacción persoal sexa mínima e a solicitude aos clubs da identificación das persoas con licencia nacional que participarán proximamente en competicións forman parte desas normas. A finalidade do Padroado de Deportes é apostar polo “deporte seguro nas instalacións municipais, mantendo a forte aposta do Concello por promocionar a práctica deportiva e continuando sendo un referente na organización de competicións comarcais e autonómicas nos momentos máis complexos desta crise sanitaria, nos que tamén se cederon instalacións a deportistas procedentes doutros concellos.
www.naron.es