Novas
 
MÁIS DE TRESCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE SÁBADO NA CUARTA EDICIÓN DO TRISHARK NARÓN 2021
A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron o evento acompañados por Pablo Cabanelas, integrante do Comité deportivo da Fegatri, e Amando Guerrero, presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón
Narón, 20 de xullo de 2021. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o edil de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá a cuarta edición do Trishark Narón 2021 acompañados por Pablo Cabanelas, integrante do Comité deportivo da Federación Galega de Triatlón (Fegatri) e Amando Guerrero, presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón. O evento, tal e como avanzou a alcaldesa, levarase a cabo o vindeiro sábado, día 24, no paseo de Xuvia e inmediacións, e no mesmo participarán algo máis de trescentos deportistas de diferentes clubs. A proba consistirá en 750 metros a nado, 24 quilómetros en bicicleta e cinco de carreira.
A rexedora local explicou ademais que debido á actual situación sanitaria a saída será escalonada, atendendo aos protocolos de prevención da covid-19 e destacou que este ano, “a proba que tradicionalmente se adicaba á promoción do triatlón sobre distancia supersprint será o campionato galego das categorías cadete, xuvenil e junior, proba clasificatoria para os campionatos de España das citadas categorías”. Máis dunha vintena de clubs galegos participarán nestas probas, cunha ampla representación de clubs da zona, como o Náutico de Narón, o Club de Natación Cedeira e o Triatlón Ferrol. Ferreiro destacou o labor do Náutico de Narón, así como a traxectoria deportiva e os éxitos do club e tamén valorou a implicación da Fegatri neste evento.
O presidente do Náutico de Narón indicou que a saída dos primeiros participantes no campionato galego cadete, xuvenil e junior será a partir das 16.30 horas, se ben ás 17.45 será a saída da proba de elite feminina; ás 17.50 a de elite masculina. Guerrero agradeceu a implicación do Concello, así como a colaboración da Federación Galega de Triatlón e do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega). Así mesmo, destacou o feito de que o Trishark Narón “é unha proba que, a pesar da súa xuventude, xa se fixo un oco importante dentro das competicións de triatlón nacional, non so pola boa organización senón tamén polo seu nivel deportivo”.
No Trishark Narón daranse cita os mellores deportistas do triatlón galego e varios destacados do panorama internacional. Entre eles están: David Castro (EQTR La Roda, Albacete), vencedor no ano 2019, campión de España en varias edicións e recentemente quinto na Copa do Mundo de Huatulco (México); Miguel Guzmán (Triatlón Huracán, Valencia), campión de España cadete e que recentemente participou nos campionatos de Europa de Atletismo Sub20; Antón Ruanova (Inforhouse Santiago), triatleta internacional e segundo clasificado no 2019; Paula Herrero (Alusigma), campiona de España de distancia olímpica 2020 ou, entre outros, Tamara Gómez (Fluvial de Lugo), triatleta internacional que disputou o campionato de Europa e campiona de España en 2019 e a neozalandesa Anneke Jenkins. O evento contará cunha ampla representación do equipo feminino do Náutico de Narón, que actualmente ocupa a segunda praza da categoría nacional, aínda que a súa capitana, Sata Guerrero, non poderá estar debido a que se atopa en Soria concentrada coa selección española. En canto aos clubs que participarán están: Flor Triatló (Cataluña); Vestusta de Oviedo, Academia Civil (Asturias), CD Vas de Almería, Diablillos de Rivas (Madrid), Triatlón Bierzo, Ecosport de Alcobendas, Alusigma Peñota (País Vasco), etc.
O representante da Federación Galega de Triatlón, Pablo Cabanelas, agradeceu o traballo do Náutico de Narón e do Concello porque, asegurou, “nestes tempos cada vez son menos os valentes que deciden organizar este tipo de eventos con todas as medidas de seguridade que implican”. Dende o punto de vista deportivo destacou a celebración dos campionatos galegos cadete, xuvenil e junior, “que forman parte do noso circuíto mozo e esperamos que os participantes e o público desfruten con esta proba, moi ben organizada”.
O desenvolvemento do Trishark Narón levará implícitas unha serie de restricións en canto ao tráfico rodado e o estacionamento na zona de Xuvia que se anunciarán previamente, tal e como se indicou dende o Concello.



Últimas noticias
O PASEO DE XUVIA ACOLLERÁ O DOMINGO A PRIMEIRA EDICIÓN DO "TORNEO DE BILLARDA CIDADE DE NARÓN"
AS SELECCIÓNS DE XAPÓN E ARXENTINA DISPUTARÁN NA CIDADE UN PARTIDO INTERNACIONAL DE FÚTBOL SALA PREVIO AO MUNDIAL DE LITUANIA 2021
A ALCALDESA VISITOU AOS INTEGRANTES DA SELECCIÓN VENEZOLANA DE ATLETISMO E TENIS DE MESA CONCENTRADOS NA CIDADE ANTES DAS OLIMPÍADAS DE TOKIO
MÁIS DE TRESCENTOS DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTE SÁBADO NA CUARTA EDICIÓN DO TRISHARK NARÓN 2021
A ALCALDESA REUNIUSE ESTE MEDIODÍA CON RESPONSABLES DA FEDERACIÓN ESPAÑOLA DE BAILE DEPORTIVO

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal