Concello de Narón
Novas
UN CENTENAR DE DEPORTISTAS PARTICIPARÁN NO "XXVIII TROFEO DE NATACIÓN CIDADE DE NARÓN"
O evento celebrarase este sábado, día 27, no Complexo polideportivo municipal da Gándara, sen público debido á situación sanitaria
Narón, 24 de novembro de 2021. A piscina do Complexo Polideportivo municipal da Gándara acollerá este sábado, día 27, a vixésimo oitava edición do “Trofeo de Natación Cidade de Narón” e a décimo oitava do Memorial Javier Lago. A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou esta mañá o evento acompañada polo edil de Deportes, José Oreona, e o presidente da Agrupación Deportiva Náutico de Narón, Amando Guerrero. O Concello organiza a convocatoria, que dará comezo ás 17.30 horas, xunto coa A.D. Náutico de Narón. Un centenar de nadadoras e nadadores participarán neste trofeo, que nesta edición conta cun menor número de deportistas debido á situación sanitaria e que por ese mesmo motivo se celebrará sen público, tal e como indicou Guerrero. O presidente da A.D. Náutico de Narón destacou o nivel deportivo dos participantes nesta edición, procedentes do Club de Natación Arteixo, Agrupación Deportiva Fogar (Carballo-Oleiros), Club de Natación Pabellón Ourense, C.N. Cedeira, Club Marina (Ferrol), C.N. Ferrol –vencedor da última edición celebrada, no ano 2019-, o Real Grupo de Cultura Covadonga (Gijón) e a Agrupación Deportiva Náutico de Narón. A alcaldesa e o edil de Deportes valoraron o feito de que este ano se poida celebrar de novo, coas máximas medidas de seguridade, este evento deportivo e tamén o traballo que ao longo do ano realiza o club naronés, ao que felicitaron polos seus éxitos.
www.naron.es