Novas
 
PRETO DUN CENTENAR DE PERSOAS ACUDIRON HOXE Á ANDAINA DO PROGRAMA MUNICIPAL "PONTE EN RUTA CON NÓS"
Os participantes realizaron parte do tramo do Camiño Inglés a Compostela ao seu paso polo termo municipal
Narón, 24 de abril de 2022. A primeira das andainas da nova edición do programa “Ponte en ruta con nós”, organizado polo Concello a través do Padroado de Deportes, tivo lugar esta mañá. Preto dun cento de persoas acudiron á convocatoria “Paseando por Narón”, con saída ás 9.30 horas do pavillón polideportivo municipal da Gándara. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, realizou tamén o percorrido, duns doce quilómetros e que discurriu pola zona do Camiño Inglés, as inmediacións do mosteiro do Couto, a rúa Cornido, a zona da Picota e o parque do Couto para regresar de novo ao pavillón da Gándara.
A través deste programa, que terá continuidade nos meses de maio e xuño, dende o Concello apóstase por fomentar a práctica do deporte ao aire libre, ao tempo que dar a coñecer o patrimonio histórico, cultural e natural da cidade.
A seguinte convocatoria está programada para o día 29 de maio e consistirá nun percorrido entre a Pena Molexa e o Monte da Lagoa, na zona do Val. As persoas que desexen participar deberán anotarse previamente, os días 23, 24 e 25 de maio, e estar o día da andaina ás 9.15 horas nas inmediacións do Centro Cívico Social do Val, dende donde partirá o percorrido. Nesa ocasión tratarase tamén dun tramo duns doce quilómetros pola Pena Molexa, a Pena Lopesa, o Campo do Avial, e o Monte da Lagoa, entre outros espazos.
A última das andainas programadas neste ciclo será a da “Ruta dos muíños”, o día 26 de xuño. A saída será ás 9.30 horas dende o mosteiro do Couto, punto tamén donde rematará a ruta, duns 10,5 quilómetros polo tramo comprendido entre o citado cenobio e a área recreativa de Pedroso. Unha vez en Pedroso, os participantes disporán de servizo de autobús que os levará ata o punto de inicio da andaina. As persoas que desexen asistir poderán anotarse os días 17, 20 e 21 de xuño.
O prezo para poder asistir a cada unha das andainas é de 5 euros e as persoas interesadas deberán anotarse os días 18, 19 e 20 de abril nas oficinas do Padroado de Deportes, no pavillón polideportivo municipal da Gándara (estrada da Gándara, 148), de 8.30 a 13.00 horas.



Últimas noticias
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO "I OBRADOIRO DE DEFENSA PERSOAL KAJUKENBO" ORGANIZADO POLO CONCELLO E O CLUB COMBAT NARÓN
O VINDEIRO LUNS ABRIRÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA ASISTIR ÁS SESIÓNS CON MONITORAXE EN PARQUES BIOSAUDABLES DA CIDADE
A CIDADE ACOLLERÁ EN MAIO AS SEMIFINAIS E AS DÚAS FINAIS DO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE SELECCIÓNS AUTONÓMICAS DE FÚTBOL SALA FEMININO
O CONCELLO E O MOTO CLUB FOJETEIROS ORGANIZAN A "XV CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN"
ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN PARA ASISTIR Á ANDAINA DESTE DOMINGO POLA PENA MOLEXA E O MONTE DA LAGOA

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal