Novas
 
UNS 3.000 DEPORTISTAS PARTICIPARÁN ESTA FIN DE SEMANA NAS PROBAS GRAND SLAM QUE SE CELEBRAN A NIVEL MUNDIAL E NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS
A alcaldesa, Marián Ferreiro, presentou o evento acompañada do edil de Deportes, José Oreona, e de Prieto Braga, representante do equipo Dance Sport Team
Narón, 22 de xuño de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Deportes, José Oreona, presentaron esta mañá xunto con Pietro Braga, do equipo Dance Sport Team, as probas Grand Slam e o Campionato de España de Latinos que se celebrarán esta fin de semana no pavillón polideportivo da Gándara e no Pazo da Cultura de xeito simultáneo. Ferreiro destacou que se trata “dun evento deportivo ao máximo nivel, que reunirá na cidade a uns 3.000 deportistas procedentes de clubs de todo o mundo e que consolida a traxectoria de Narón no mundo do baile deportivo”.
As citas deportivas, organizadas polo Concello e a Federación Española de Baile Deportivo en colaboración co Club de Baile Deportivo Narón desenvolveranse dende o venres ata o domingo. O Pazo da Cultura acollerá o venres, en horario de tarde, as semifinais de danza coreográfica e de hip hop; o sábado, durante a mañá e a tarde sucederanse o Campionato de España de Caribeños e as finais de hip hop e o domingo, tamén todo o día, terá lugar o “XXI Trofeo Cidade de Narón”. Así mesmo, no pavillón polideportivo da Gándara o venres á tarde terá lugar o Grand Slam Standard e a Competición Internacional de Standard; o sábado o Campionato de España de Latinos e as finais de Danza Coreográfica e o domingo, ao longo do día, o Grand Slam de Latinos, a Competición internacional de Latinos e o Campionato de España de Standard. Deportistas de toda España daranse cita neste destacado evento, que contará tamén con outros procedentes do resto de Europa e, a maiores, tamén de Vietnam, Sudáfrica –será a primeira ocasión na que cheguen en Europa parellas procedentes deste país-, Portugal, Francia, Alemaña –estarán participando os Campións do Mundo de Latinos, que son alemáns-, de Ucrania, etc.
Destacado será tamén o papel dos xuíces que valorarán aos deportistas nas diferentes competicións, que chegarán de España e de países europeos, e tamén de Canadá e Sudáfrica, entre outros.
A alcaldesa da cidade destacou que se celebrarán en Narón “as dúas competicións internacionais de maior importancia no mundo de Standard e Latinos” e tamén o feito de que se convocasen na cidade. “Ademais do ámbito deportivo, a convocatoria suporá un importante revulsivo aos sectores hostaleiro, comercial e mesmo turístico non só de Narón, senón do resto da comarca, ao congregar a esas 3.000 persoas durante tres días”.
Pola sua banda, Pietro Braga asegurou que dende o equipo “estamos emocionados, enamorados de Narón porque é espectacular”. En canto á traxectoria da cidade no ámbito do baile deportivo destacou que “a nivel nacional diría que Narón é un dos centros máis importantes dende hai moitos anos, porque aquí fanse as cousas moi ben, e mostra diso tamén é que conta co club máis grande da Federación Española de Baile Deportivo, o Club de Baile Deportivo Narón”. O representante do Dance Sport Team asegurou que “é algo que se construíu aquí e que é a envexa de todos”.
“A WDSF confiou moito no sistema de Narón e hai moitos anos que non se celebra en España un Grand Slam e aquí está un dos tres marcados no calendario deste ano a nivel mundial”, destacou Pietro Braga.
Ferreiro agradeceu a implicación de todas as persoas que fixeron posible traer a Narón estes destacados eventos deportivos e desexou moita sorte a todos os participantes, entre eles aos clubs locais.



Últimas noticias
O PAZO DA CULTURA E O PAVILLÓN DA GÁNDARA ACOLLEN DENDE MAÑÁ O GRAND SLAM E O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS
A ALCALDESA E O PRESIDENTE DA FEBD DESTACARON O COMPROMISO DE NARÓN CO BAILE DEPORTIVO
UN CENTENAR DE PERSOAS PARTICIPARON HOXE NA ANDAINA DO PROGRAMA "PONTE EN RUTA CON NÓS" POLA RUTA DOS MUÍÑOS
A ALCALDESA VALOROU OS POSTOS ACADADOS POLOS DEPORTISTAS LOCAIS NO CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS CELEBRADO NO PAVILLÓN DA GÁNDARA
ÚLTIMAS PRAZAS PARA AS SESIÓNS DE IOGA NOS PARQUES DE FREIXEIRO E XUVIA OS MESES DE XULLO E AGOSTO

Destacados

Outras webs municipais

   
 
Concello de Narón - Aviso legal