Concello de Narón
Novas
O PAZO DA CULTURA E O PAVILLÓN DA GÁNDARA ACOLLEN DENDE MAÑÁ O GRAND SLAM E O CAMPIONATO DE ESPAÑA DE LATINOS
O Concello, a Federación Española de Baile Deportivo e a World Dance Sport Federation organizan as competicións xunto co Club de Baile Deportivo Narón
Narón, 23 de xuño de 2022. O Pazo da Cultura e o pavillón polideportivo municipal da Gándara acollerán a partir de mañá as probas Grand Slam e do Campionato de España de Latinos que organizan o Concello e a Federación Española de Baile Deportivo, xunto co equipo Dance Sport Team e a World Dance Sport Federation (WDSF) na cidade. Uns 3.000 deportistas procedentes de diferentes países do mundo participarán nestas convocatorias, que se levarán a cabo de xeito simultáneo e cuxas entradas están á venda no polideportivo da Gándara. As competicións programadas no pavillón polideportivo da Gándara comezarán a desenvolverse mañá ás 15.15 horas, no marco do Grand Slam Standard e a Competición Internacional de Standard. A rexedora local recodou que se trata dun evento deportivo que se convocou na cidade por primeira vez e que este ano tan só están axendados outros dous en todo o mundo. “Trátase dunhas competicións moi exclusivas, que requiren unhas condicións moi específicas e nas que poderemos desfrutar do baile ao máximo nivel, con destacados deportistas que veñen á cidade chegados de diversos países do mundo”, recalcou Ferreiro. Tamén na xornada do venres se iniciarán as competicións no Pazo da Cultura, donde se sucederán as semifinais de danza coreográfica a partir das 14.00 horas e tamén as de hip hop dende as 19.36 horas. Na xornada do sábado no pavillón da Gándara celebrarase o Campionato de España de Latinos dende as 9.00 horas e as finais de Danza Coreográfica a partir das 15.45 e no Pazo o Campionato de España de Caribeños a partir das 8.30 e as finais de hip hop dende as 16.48 horas. O tradicional desfile de bandeiras será tamén o sábado, ás 14.35 horas, no polideportivo da Gándara, nun acto no que participarán a alcaldesa, Marián Ferreiro, e o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó. Finalmente, o domingo o Pazo acollerá as primeiras competicións a partir das 8.00 horas, co “XXI Trofeo Cidade de Narón de Baile Deportivo” e no pavillón, dende as 9.00 horas sucederanse o Grand Slam de Latinos, a Competición Internacional de Latinos e o Campionato de España de Standard. O remate das competicións no Pazo está previsto para as 20.45 horas, se ben no caso da Gándara será ás 21.30 horas. Todos os horarios das competicións pódense consultar a través da web da Federación Española de Baile Deportivo, no enlace: http://bailegalicia.net/index.php/naron2022/. “É un orgullo poder disputar estes eventos na nosa cidade, cunha dilatada e exitosa traxectoria no ámbito do baile deportivo, donde temos destacados e destacadas deportistas en postos de primeiro nivel”, asegurou a alcaldesa. Ferreiro agradeceu a confianza depositada na cidade tanto pola Federación Española de Baile Deportivo como da World Dance Sport Federation, o Dance Sport Team para convocar en Narón este gran evento deportivo e tamén a implicación do Club de Baile Deportivo Narón, por colaborar na organización da convocatoria. “Quero trasladar os meus parabéns a todas e todos os deportistas de clubs da cidade que participarán neste campionato e desexarlles o maior dos éxitos esta fin de semana en Narón e tamén nas súas respectivas traxectorias deportivas, que contribúen a que esta cidade sexa a día de hoxe un referente no baile deportivo”, recalcou Ferreiro.
www.naron.es