Concello de Narón
Novas
A ALCALDESA E O PRESIDENTE DA FEBD DESTACARON O COMPROMISO DE NARÓN CO BAILE DEPORTIVO
Marián Ferreiro e Luis Vañó participaron esta mañá no tradicional desfile de bandeiras celebrado no pavillón polideportivo da Gándara
Narón, 25 de xuño de 2022. O Pavillón polideportivo da Gándara e o Pazo da Cultura continúan acollendo hoxe e mañá probas deportivas de gran nivel. No Pavillón levouse a cabo esta mañá, dende as 9.00 horas o Campionato de España de Latinos e pola tarde, a partir das 15.45 o Campionato de España de Danza Coreográfica, para continuar ás 17.20 do de Latinos, que rematará sobre as 22.40 horas. Ao mediodía, sobre as 14.30 horas, tivo lugar o tradicional desfile de bandeiras, no que os deportistas participantes desfilaron tralas bandeiras dos seus respectivos países. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó, interviñeron no transcurso deste acto, no que tamén estiveron os xuíces e representantes de varias federacións deportivas. O Concello de Narón organizou o evento coa Federación Española de Baile Deportivo, a World Dance Sport Federation (WDSF), o Dance Sport Team e o Club de Baile Deportivo Narón. Deportistas de Galicia, País Vasco, Cataluña, Madrid, Andalucía, Murcia, Comunidade Valenciana, Castela a Mancha, Canarias, Extremadura, Baleares… participaron no desfile, aos que se sumaron os xuíces, españois e tamén procedentes doutros países. Unha vez na pista do pavillón podelideportivo da Gándara, xunto con outros representantes e directivos da competición e das federacións, dirixíronse aos asistentes a alcaldesa, Marián Ferreiro e o presidente da Federación Española de Baile Deportivo, Luis Vañó. Ferreiro comezou a súa intervención agradecendo á FEBD en xeral e a Luis Vañó en particular o feito de “darnos esta oportunidade e confiar en Narón para organizar este Campionato de España”. A continuación a alcaldesa tivo tamén palabras de agradecemento para o Club de Baile Deportivo Narón, como coorganizador do campionato, “porque sen eles non podería ser realidade” e para todas as persoas implicadas na organización, como o persoal do pavillón polideportivo da Gándara e do Pazo da Cultura “para que todas e todos esteamos hoxe aquí desfrutando deste evento”. Finalmente Ferreiro subliñou que “organizamos este campionato en agradecemento á dedicación e ao esforzo de todas e todos os deportistas que practican baile deportivo en Narón” e destacou o traballo dos xuíces e a elevada participación no evento. Pola súa banda, Luis Vañó, asegurou que “esta fin de semana en Narón é máxico” e recordou que “en sete meses fomos capaces de organizar, grazas a que hai institucións como o Concello de Narón, importantes campionatos que rematamos con este, que continúa mañá”. “Só gaña un pero participamos todos e desfutamos todos”, asegurou o presidente da Federación Española de Baile Deportivo no peche da súa intervención. No Pazo da Cultura continuou tamén a actividade hoxe co Campionato de España de Caribeños dende as 8.30 horas e o Campionato de España de Hip Hop a partir das 16.48 e que rematará ás 19.20 horas aproximadamente. O Pavillón polideportivo da Gándara acolleu na tarde de onte a competición Grand Slam, unha das tres que este ano se programan a nivel mundial. O primeiro posto do Grand Slam foi para a parella formada polos italianos Francesco Galuppo e Debora Pacini, se ben o segundo foi para Tomas Fainsil e Violetta Fainsil, de Alemaña e o terceiro para Cojoc Rares e Matei Andreea, de Romanía. O Pazo da Cultura reuniu tamén onte a destacados deportistas que participaron no Campionato de España de Danza Coreográfica e o Campionato de España de Hip Hop. Os horarios das competicións previstas para a xornada de mañá domingo pódense consultar a través da web da Federación Española de Baile Deportivo, no enlace: http://bailegalicia.net/index.php/naron2022/.
www.naron.es