Concello de Narón
Novas
O PAZO DA CULTURA ACOLLERÁ UNHA NOVA EDICIÓN DO TOUR GALICIAN DANCE DE HIP HOP
O edil de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos, presentaron o evento, que se desenvolverá o 14 de abril
Narón, 2 de abril de 2024. O edil de Deportes, Ibán Santalla, e o presidente do Club de Baile Deportivo Narón, Jesús Marcos, presentaron o tour Galician Dance, a Liga Galega Xunta de Galicia de Hip Hop. A convocatoria, tal e como avanzou Santalla, desenvolverase na cidade o vindeiro 14 de abril no Pazo da Cultura, sendo este ano a segunda ocasión na que se celebra en Narón, tralo éxito do evento celebrado o pasado ano. As Federacións Española e Galega de Baile Deportivo colaboran neste evento. A cidade acollerá, tal e como indicou Jesús Marcos, a primeira proba dun circuíto que terá continuidade no mes de maio en Mugardos e en xuño en Lugo e Marín. A Liga dará programada no Pazo dará comezo ás 15:00 horas e rematará sobre as 21:00, segundo as previsións. “O ano pasado a proba celebrada en Narón foi a que reuniu a un maior número de participantes, cuns 500 deportistas especializados en hip hop”, destacou o presidente do CBD Narón. Santalla agradeceu o labor do club local e tamén do resto de organismos implicados en que un ano máis se poida levar a cabo na cidade, ao tempo que animou á cidadanía a acudir á convocatoria a animar aos participantes e desfrutar do hip hop.
www.naron.es