|
ARTIGO 1 .- O Padroado Municipal de Deportes do Concello de Narón constitúese como fundación pública de servizos ó abeiro do artigo 85 c/ do Regulamento de servizos das corporacións locais, creándose con personalidade xurídica propia e autonomía financeira e funcional, dependente do Concello, para o cumprimento dos obxectivos seguintes:
-
A finalidade primordial será a promoción deportiva e o desenvolvemento da cultura física e a práctica deportiva da poboación de Narón
-
A promoción de instalacións, así como a conservación, mantemento e administración das instalacións deportivas propiedade do Concello.
-
Facilitar a tódolos veciños e veciñas a utilización das instalacións deportivas municipais con carácter formativo e de espallamento e sen ánimo de lucro, de xeito que as achegas económicas dos usuarios e usuarias contribúan a sufraga-los gastos de mantemento daquelas.
- Xestiona-lo posible uso doutras instalacións deportivas, públicas ou privadas, para o cumprimento dos fins do Padroado.
- Contratación do persoal técnico preciso para atende-las diversas necesidades.
ARTIGO 2 .- O Padroado rexerase polo disposto nestes estatutos e posterior normativa de réxime interno e actuará, sen prexuízo da súa autonomía, baixo a tutela do Concello Pleno, ao que corresponde a suprema función directiva, así como a fiscalización e control das súas actividades.
ARTIGO 3 .- Dentro das súas competencias o Padroado está facultado para realizar tódolos actos que se encamiñen ó cumprimento dos fins sinalados no artigo 1 e, en particular, para:
- Solicitar subvencións e outras axudas das diversas administracións, fundacións e particulares.
- Formalizar convenios e contratos de calquera clase.
- Organizar tódolos servizos necesarios no Padroado.
-
Proceder á compra de material, aparellos, útiles e bens de toda clase, así como á súa venda cando sexan clasificados de inservibles ou inútiles.
ARTIGO 4 .- O Padroado ten o seu enderezo social no Pavillón Polideportivo Municipal sito na Estrada da Gándara n° 148, sen prexuízo de que as seccións especializadas desta estean radicadas funcionalmente noutros edificios municipais onde se realicen as súas actividades específicas.
|