O Padroado
 
Xunta de Goberno
 
Estrutura
 
Estatutos
 
Localización
 
Contacto
 
 
Estatutos
 
Capítulo IObxectivos, natureza e funcións
Capítulo IIÓrganos de Goberno e Administración...
Capítulo IIIDo persoal
Capítulo IVDos recursos
Capítulo VDos usuarios
Capítulo VINormas complementarias
Capítulo VIIDisolución e liquidación

ÓRGANOS DE GOBERNO E ADMINISTRACIÓN

ARTIGO 5 .- Os órganos de goberno e administración do Padroado serán:

  1. A Asemblea Xeral.
  2. O Presidente.
  3. O Vice-presidente.
  4. O Administrador-Xerente.

SECCIÓN PRIMEIRA DA ASEMBLEA XERAL

ARTIGO 6 .- A Asemblea Xeral asumirá o goberno e control superior do Padroado, e estará constituída polos seguintes membros:

  • Presidente: O alcalde, que poderá delegar a súa presidencia no vice-presidente, neste caso o número legal de membros para efecto de quórum mínimo para a válida constitución da Asemblea reducirase en 1.
  • Vice-presidente: O Concelleiro Delegado de Deportes.
  • Vogais: Un Concelleiro por cada partido político con representación municipal.
  • Un representante das APAS dos colexios públicos de Narón.
  • Seis representantes das disciplinas deportivas federadas, distintas entre si, cun mínimo de dous anos de antigüidade, do Concello, elixidos por estas, e que estean inscritas no Rexistro de clubs e asociacións do Concello de Narón.
  • O administrador-xerente, con voz pero sen voto
  • Un coordinador deportivo, que deberá ser licenciado en Educación Física, con voz pero sen voto.

ARTIGO 7 .- Como asesores-colaboradores da Asemblea Xeral poderán asistir ás súas reunións, con voz pero sen voto, previa comunicación do organismo ao que representen ou acordo da propia Asemblea Xeral:

  1. Un representante das AA.VV.
  2. Os especialistas en materia técnico-deportiva e mantemento de instalacións deportivas.

ARTIGO 8 .- Corresponden á Asemblea Xeral as funcións seguintes:

  1. Aprobar os programas de actuación e as súas revisións, así como someter á aprobación do Concello Pleno os presupostos extraordinarios que así o precisen.
  2. Representar os intereses do Padroado e das súas instalacións, no ámbito da súa actuación, por mediación do seu presidente ou persoa en quen delegue, perante as autoridades e organismos públicos e privados.
  3. Dirixir, inspeccionar e adoptar as medidas necesarias para a mellor planificación e funcionamento do Padroado.
  4. Autorizar toda clase de actos e contratos no ámbito da súa actuación e na organización e funcionamento das instalacións deportivas, responsabilizándose do mantemento das instalacións.
  5. Abrir ou pechar as contas bancarias necesarias para o desenvolvemento das funcións do Padroado.
  6. Interpoñer toda clase de accións de reclamación en defensa dos intereses do Padroado.
  7. Aprobar a memoria de actividades desenvolvidas durante o ano, que se trasladará ao Concello Pleno para render informe.
  8. Aprobar as obras de amaño e mantemento das instalacións dentro do importe do seu presuposto.

SECCIÓN SEGUNDA DO PRESIDENTE E VICE-PRESIDENTE

ARTIGO 9 .- O presidente da Asemblea Xeral do Padroado ou o vice-presidente, no seu caso, ostentan as seguintes atribucións:

  1. Representar legalmente ao Padroado en:
    1. Toda clase de actos e contratos ante calquera autoridade, organismo e particular.
    2. Toda clase de accións encamiñadas á defensa dos seus intereses incluídos os xudiciais ante os tribunais de xustiza de todo tipo e rango.
    3. Ostentará tamén a plena representación das instalacións deportivas e a máxima autoridade sobre todo o persoal.
  2. Convocar, presidir, suspender e levantar as reunións da Asemblea na súa condición de presidente e executar os acordos que dito órgano adopte, sen prexuízo das obrigas que sobre o particular correspondan ao administrador-xerente do Padroado.
  3. Adoptar as medidas de carácter urxente, cando as circunstancias impidan convocar á Asemblea Xeral, dando conta a esta na seguinte xuntanza.
  4. A dirección e inspección superior da marcha das instalacións e centros deportivos, sen prexuízo da dirección e inspección inmediata do administrador-xerente do Padroado.
  5. Contratación de obras, servizos, subministracións e adquisicións de bens mobles cando o seu importe non exceda de 500.000 Pts, dando conta na xuntanza seguinte, e debendo ser emitido informe polo xerente, que xustifique a urxencia da obra.
  6. Ordenación de pagos, de conformidade coa lexislación vixente, dando conta na xuntanza seguinte, e debendo ser emitido informe polo xerente.
  7. Admisión de abonados ás instalacións deportivas e a súa expulsión, cando se considere procedente de acordo ás normas de réxime interior.
  8. Concesión de todo tipo de licenzas e permisos ao persoal do Padroado e a imposición de sancións, excepto nos casos de destitución ou suspensión superior a un mes, que corresponderá á Asemblea Xeral do Padroado.
  9. A xefatura superior do persoal do Padroado, sen prexuízo da xefatura inmediata que corresponderá ao administrador-xerente do Padroado.
  10. Exercicio de accións xudiciais ou administrativas, en caso de urxencia e dando conta á Asemblea Xeral do Padroado para a súa ratificación na primeira sesión que se celebre e ordenación da comparecencia nos procesos xudiciais ou procedementos administrativos incoados contra o Padroado.

ARTIGO 10 .- O vice-presidente substituirá ao Presidente nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade e en aquelas delegacións que especificamente o presidente lle confira por escrito, dando conta á Asemblea do Padroado.

SECCIÓN TERCEIRA DO ADMINISTRADOR-XERENTE E DO COORDINADOR DEPORTIVO.

ARTIGO 11 .- A realización das actividades do Padroado e a súa administración baixo as directrices da Asemblea Xeral e do seu respectivo presidente, estará a cargo do administrador-xerente.

ARTIGO 12 .- Serán funcións do administrador-xerente:

  1. Executar e facer cumprir, baixo a superior dirección do presidente, os acordos dos órganos de goberno do Padroado, con suxeición, no seu caso, ás disposicións establecidas.
  2. Dirixir e inspeccionar os servizos, baixo a superior dirección da presidencia.
  3. Asegurar o bo funcionamento das actividades nas instalacións.
  4. Velar pola boa conservación das instalacións e do material para actividades, propoñendo para tal fin as medidas que crea necesarias e responsabilizarse do mantemento, asistencia e sostemento material de carácter xeral das instalacións, por medio do persoal necesario.
  5. Exercer a xefatura do persoal adscrito ao Padroado.
  6. Levar a sinatura do Padroado na correspondencia de orde interna.
  7. Preparar a memoria anual de actividades.
  8. Servir de enlace e conexión entre o Padroado e as seccións deportivas integradas neste e das que sexan usuarias dos seus terreos, bens e dereitos.
  9. Asistir ás sesións da Asemblea Xeral con voz pero sen voto.
  10. Os demais, que expresamente, lle confiran os órganos reitores do Padroado e os seus presidentes.
  11. Levantar actas das reunións do Padroado.

ARTIGO 13 .- Corresponden ao coordinador deportivo as funcións seguintes:

  1. Executar os acordos adoptados vixiando polo seu cumprimento.
  2. Elaborar co administrador-xerente o programa de desenvolvemento técnico dos plans anuais de actividades.
  3. Asistir ás sesións da Asemblea Xeral con voz pero sen voto.
  4. Executar os programas aprobados pola Asemblea.
  5. Informar á Asemblea Xeral do Padroado de calquera aspecto técnico que lle sexa solicitado por esta.

SECCIÓN CUARTA DOS MEMBROS DA ASEMBLEA

ARTIGO 14 .- Os membros da Asemblea Xeral cesarán dos seus cargos nos casos seguintes:

  1. Por petición propia, calquera deles que así o solicite.
  2. Os concelleiros, cando remate o seu mandato corporativo.
  3. Os membros elixidos en representación dun sector ou grupo, cando o soliciten os grupos que representan. En caso de non solicitalo só variarán cada 4 anos.
  4. O administrador-xerente e o coordinador deportivo, por acordo da Asemblea Xeral a proposta do presidente.
  5. Cando cesen como directivo na entidade deportiva ou disciplina deportiva a que representan, cesarán na asemblea do Padroado.

SECCIÓN QUINTA REXIME DE SESIONS

ARTIGO 15 .- A Asemblea Xeral reunirase, como mínimo, o último martes de cada mes, se este fose festivo o día seguinte, á parte de cando se trate de aprobar os presupostos do ano entrante e a memoria do saínte, así como cando o acorde o presidente ou o solicite por escrito unha terceira parte dos membros con dereito a voto. As convocatorias para as reunións irán acompañadas da orde do día e a Asemblea Xeral considerarase legalmente constituída cando estean presentes a maioría dos membros con dereito a voto. Os seus acordos serán válidos ao adoptarse por maioría simple dos presentes, co voto de calidade do presidente en caso de empate.


   
 
Concello de Narón - Aviso legal