Concello de Narón
Novas
O CONCELLO ABRIRÁ MAÑÁ O PRAZO DE INSCRICIÓN NA TERCEIRA EDICIÓN DAS "21 LEGUAS DE NARÓN"
O edil de Deportes, Ibán Santalla, informou que as inscricións se poden tramitar na web www.emesports.es e en 21Leguas.es
Narón, 2 de maio de 2024. As persoas que desexen participar no evento deportivo “21 Leguas de Narón” poderán inscribirse a partir de mañá a través da páxina web: www.emesports.es e en 21Leguas.es. O Concello de Narón organiza un ano máis esta convocatoria en colaboración co Club Deportivo Narón 101. A proba, que se celebrará o vindeiro 28 de setembro, reúne cada ano a un milleiro de participantes, consistirá nun percorrido de 101 quilómetros que se pode realizar camiñando, correndo ou en bicicleta de montaña e cuxo trazado discurrirá polos termos municipais de Narón, Ferrol, Valdoviño e San Sadurniño. O edil de Deportes, Ibán Santalla, recordou que na modalidade de marchadores individual e por equipos haberá un tempo máximo de 24 horas para realizar os 101 quilómetros; que no de MTB individual se reducirá a 12 horas e na modalidade Ebike individual tamén a 12 horas. Santalla explicou que a carreira terá a saída e meta no paseo marítimo de Xuvia, ao igual que as anteriores edicións, e indicou tamén que actualmente se están ultimando os tramos polos que discurrirá a proba. As 21 Leguas é unha proba de superación persoal que ofrece aos participantes a posibilidade de coñecer tamén o patrimonio histórico, cultural e natural desta comarca. O prezo das inscricións é de 60 euros por participante para as persoas que as tramiten ata o 30 de xuño e despois, ata o 31 de xullo, será de 75 euros por persoa, tal e como avanzou o edil naronés. Á colaboración dos consistorios polos que discurre o trazado sumarase tamén o doutras administracións e organimos, así como empresas patrocinadoras do evento e da propia Asociación de Concellos do Camiño Inglés.
www.naron.es