Concello de Narón
Novas
A "XII CONCENTRACIÓN MOTEIRA CIDADE DE NARÓN" CELEBRARASE ESTA FIN DE SEMANA NO PASEO MARÍTIMO DE XUVIA
Os días 2, 3 e 4 de xuño reuniranse en Xuvia centos de afeccionados ao mundo do motociclismo
Narón, 30 de maio de 2017. O concelleiro de Deportes, Román Romero, presentou esta mañá a “XII Concentración Moteira Cidade de Narón” acompañado polo presidente e o secretario do Moto Club Fojeteiros, José María López Quintián e José Antonio Suárez, respectivamente. A cita terá lugar os días 2, 3 e 4 de xuño no paseo marítimo de Xuvia, donde afeccionados ao motociclismo poderán gozar dunha gran variedade de actividades programadas para a ocasión, tal e como indicaron desde a organización. Confirmaron a súa asistencia afeccionados ao motociclismo procedentes de diferentes localidades españolas, principalmente de Galicia pero tamén de concellos de Asturias, Valencia e León, entre outros. O programa comezará o venres ás 18.00 horas, coa inauguración do evento e a apertura do Mercadillo moteiro, con varios postos de venta de artigos relacionados coas motos, un posto de venda de polbo, unha foodtruck e xogos para menores. Habéra tamén en Xuvia un simulador de “Caballitos X-bike” e pola noite, a partir das 21.30 horas servirase a cea para as persoas inscritas –baixo unha carpa e con posibilidade de comprar os tickets nas inmediacións da mesma-. O apartado músical dará comezo ás 23.00 horas e correrá a cargo dos grupos BlackJack e Bus Brothers Band. Na xornada do sábado, día 3, abriranse as inscricións a partir das 10.00 horas para a Ruta mototurística que levará aos moteiros desde Xuvia ata o Concello das Pontes. Alí comerán baixo unha carpa instalada para o evento, en donde permanecerán ata as 16.00 horas, cando partirán novamente cara ao paseo marítimo de Xuvia. As actividades da tarde en Xuvia inclúen unha exhibición de trial a partir das 17.00, na que participarán Juanda de la Peña, actual campión de España de Bike-trial; Víctor Palomares, seis veces campión absoluto da Comunidade de Valencia en Moto trial; e Víctor Ares. Unha vez que remate a exhibición, sobre as 21.30, servirase a cea baixo a carpa de Xuvia e ás 23.00 comezarán os preparativos para a espectacular Ruta das antorchas, na que os moteiros percorrerán a estrada de Castela (no tramo Xuvia-Ponte das Cabras-Xuvia) portando fachos que iluminarán o camiño ao seu paso. Para esta espectacular cita, reducirase a intensidade da iluminación da estrada nese tramo e a organización entregará aos asistentes, como novidade, unhas tres mil luces químicas coas que animarán o paso dos moteiros desde as beirarrúas. A convocatoria realízase para homenaxear aos motociclistas falecidos. Rematada a ruta dará comezo de novo a festa no paseo de Xuvia co D´J Dremamers. Na última xornada da “XII Concentración Moteira Cidade de Narón”, o domingo día 4, haberá tamén Mercadillo moteiro e un almorzo en Xuvia ás 9.30. Ás 11.30 partirá a Ruta mototurística cara a Pantín para dirixirse a San Sadurniño, visitar o mirador do Monte de Ancos, en Neda, e voltar ao paseo de Xuvia para a comida, que se servirá a partir das 14.30 horas. Antes de finalizar o evento sortearanse varios agasallos entre os asistentes. Un ano máis, o Moto Club Fojeteiros organiza unha recollida solidaria de tapóns que se destinarán á causa “Alba, la promesa”, habilitando un punto no que durante os tres días do evento se poderán depositar. Os representantes do Moto Club Fojeteiros agradeceron a colaboración do Concello de Narón, un ano máis, neste evento. Pola súa parte, o edil de Deportes, Román Romero, animou á veciñanza a asistir a esta concentración moteira “unha cita que reúne a centos de afecionados do mundo do motociclismo no noso concello” e aproveitou a ocasión para valorar a colaboración dos integrantes do citado Moto Club con diferentes eventos organizados polo Concello de Narón.
www.naron.es